UUAA reclama un plan de emerxencia que garanta a produción de alimentos e evite o peche de explotacións

A organización participará na manifestación do día 20 en Madrid por un rural vivo

Unións Agrarias insta a todas as administracións a implicarse e a actuar con responsabilidade e coherencia para impulsar un plan de emerxencia que garanta o subministro alimentario do conxunto da cidadanía europea e a supervivencia das explotacións agrogandeiras, cuxa subsistencia se atopa hoxe, trala invasión de Ucraína, máis en perigo ca nunca. A organización fai un chamamento ao goberno autonómico, así como ao central e á Comunidade Europea, para conseguir “que nin unha soa explotación teña que pechar por falla de rendabilidade económica”. Así o reivindicou o secretario xeral de UUAA nunha rolda de prensa conxunta coa Unión de Cooperativas AGACA e a Asociación Agraria de Galicia ASAGA na que os tres colectivos anunciaron a participación conxunta dun rural sen siglas nen bandeiras na manifestación a prol do medio rural convocada o 20 de marzo en Madrid.

“Vemos como se disparan os custos de produción sen podelo repercutir no prezo do que vendemos e sen que teñamos coñecemento de actuacións da administración para sancionar a aqueles que non están a cumprir a Lei de Cadea”, asevera o secretario xeral de UUAA; que lembra que ao grave problema de incremento dos custos de produción que o sector agrogandeiro leva meses padecendo se suma agora a pantasma dun posible desabastecemento, motivado pola situación de guerra no país do que Galicia importa o 40% do millo que consume.

UUAA lembra a condición estratéxica do sector agrogandeiro como produtor de alimentos; e insta a non deixalo caer por “un problema de mala xestión” das administracións. “Se se disparou o prezo da enerxía, do gasoil, dos fertilizantes e existe agora un risco de desabastecemento de cereal é necesario buscar solucións para non deixar caer as explotacións”. Nese senso, Unóns considera que a Comisión Europea debe activar todos os mecanismos que sexan necesarios para facilitar a dispoñibilidade de materias primas no mercado único; e permitir que se flexibilicen, cando menos temporalmente, as medidas da PAC de xeito que se poida incrementar a produción de cereal.

A organización agraria entende que tamén é preciso que se flexibilicen os requisitos de importación de millo e outros cereais, así como de oleaxinosas, para facilitar a súa chegada á UE desde todas as orixes, dada a imposibilidade de manter as importacións de Ucraína pola situación de guerra. E lembra que falamos de materias primas indispensables para asegurar a alimentación dos animais e sen as cales a única solución sería o sacrificio da cabana gandeira e o peche de explotacións.

Neste sentido, UUAA entende que é preciso suavizar “temporal e excepcionalmente”, e sempre que fose necesario, os requisitos que impón a UE sobre uso de fitosanitarios ou de Organismos Modificados Xeneticamente (OGM). Permitindo por exemplo a compra de millo en Arxentina salvando as restricións en límites máximos de residuos fitosanitarios, ou a chegada de millo e soia OGM de EEUU, pero todo iso sempre baixo o control da EFSA.

Unións Agrarias solicita unha adaptación das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) ao novo escenario, de maneira que sexa posible aumentar a dispoñibilidade de superficies destinadas á produción de millo e outros cereais, abrindo a opción de utilizar as terras en barbeito para cultivos proteicos. Medida que sería moi importante para incrementar a produción de xirasol en España, pero que tería que estenderse tamén a outros cereais (millo na primavera e trigo e cebada no outono). E aposta tamén por suavizar a normativa relativa ao uso de fertilizantes orgánicos, dada a practica imposibilidade actual de facer acopio suficiente de derivados químicos para uso agrícola debido ao veto ruso a exportación dese tipo de compostos.

Alén do problema de abastecemento de cereal, a organización agrogandeira tamén olla con preocupación ao escenario enerxético; e insta a todas as administracións a implicarse e a mover ficha para promover un novo modelo de abastecemento que permita reducir a dependencia externa. Nese senso, UUAA denuncia as condicións abusivas que actualmente rexen sobre o emprego de enerxías renovables para autoabastescemento. E insta a modificar a normativa eléctrica para que as explotacións que dispoñan de placas solares poidan verter os excedentes á rede eléctrica en igualdade de condicións; sen sufirr penalizacións en canto ao prezo e ás tarifas que actualmente lles aplican cando consumen enerxía.

UUAA lembra o esforzo realizado polas administracións durante a pandemia para manter os postos de traballo na hostelaría e evitar despedimentos. E fai un chamamento para que o sector primario, esencial para a produción de alimentos, reciba agora, nun momento excepcionalmente delicado, un trato análogo. “Por iso cremos que é indispensable un Plan de Emerxencia que garanta a supervivencia das explotacións”. Nese senso a organización solicita un anticipo nas axudas da PAC e un esforzo das CCAA para que os fondos dos PDR poidan empregarse para impulsar aportacións directas ás explotacións que eviten a súa caída, e o peche. Ademais, insta á administración fiscal a realizar unha devolución inmediata do IVE nos próximos días e a anticipar a devolución do imposto especial de hidrocarburos a agricultores e gandeiros. “Trátase de poñer ferramentas que dean liquidez e garantan uns ingresos que neste momento as explotacións non teñen”.

Unións Agrarias lembra que os incumprimentos da Lei de Cadea seguen a ser norma no sector primario, tanto no lácteo como no cárnico. “Por iso a manifestación en Madrid é un grito de guerra contra actuacións impulsadas de costas a agricultores e gandeiros sen ter en conta a situación actual; e para reclamar un trato en igualdade ante unha situación económica dramática, no que Europa, goberno central e Comunidades Autónomas deben ir da man”.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias