Ante a problemática das instalación fotovoltaicas que se están e se prentenden instalar nas parroquias e lugares que teñen o subministro enerxético contratado con Hidroeléctrica de Silleda, Unións Agrarias ven de solicitar unha xuntanza para aclarar os termos que nestes momentos se están esixindo por parte desta distribuidora. Logo de ter recibido numerosas queixas por parte da veciñanza afectada, a organización tentará reunirse con esta empresa para pedir explicacións acerca duns requisitos desproporcionados; tanto se se comparan coa lexislación vixente como respecto aos doutras compañías que operan en Galicia.
Unións Agrarias non entende as trabas que Hidroeléctrica de Silleda está a poñer aos usuarios interesados en apostar pola xeración de enerxías renovables. Máis aínda ao tratarse dunha empresa que opera dende hai moitos anos a nivel local e coa que os veciños sempre mantiveron unha relación de complicidade e cercanía.
Os veciños afectados non poden entender que o feito de estar servidos a través dunha liña dunha empresa local lles supoña un perxuizo en lugar dunha vantaxe. Así as cousas, Unións Agrarias confía en que a súa petición de información seña atendida á maior brevidade e agarda que Hidroeléctrica de Silleda resposte coa maior celeridade posible para poder aclarar os termos do procedemento a seguir por parte das persoas interesadas en contar cunha instalación fotovoltaica.