Unións Agrarias-UPA, Sindicato Labrego Galego, Federación Rural Galega FRUGA, Asociación Agraria de Galicia ASAGA e Unión de Cooperativas AGACA instan ás administracións a dar un paso á fronte e a actuar de inmediato para evitar que o bloqueo derivado do paro do transporte teña consecuencias nefastas para as explotacións galegas. Se ben ata o de agora os transportistas respectaron a recollida de leite nas granxas, o bloqueo do porto da Coruña e o corte do subministro de cereal ás fábricas de pensos ten ao sector produtor contra as cordas. Diso alertaron esta mañá nunha rolda de prensa conxunta todas as organizacións agrogandeiras da Comunidade; que destacan que se ese abastecemento non se retoma en menos de 48 horas a cabana gandeira non poderá ser alimentada.
Unións Agrarias e as demais organizacións vinculadas ao sector produtor agrogandeiro en Galicia fan un chamamento á comprensión e ao diálogo e instan ao sector do transporte a non converter á gandería en refén das súas reivindicacións. Partindo da solidariedade coa situación e as demandas dos transportistas e do respecto ao seu dereito ao paro, as OPAs lembran que o que está en xogo é o benestar animal e, en definitiva, as vidas de milleiros de cabezas de gando; e destacan que, cada hora que pasa, a situación das explotacións galegas agrávase. Por iso instan ao Goberno central e á Xunta de Galicia a dar un paso á fronte e a impulsar un consenso que garanta a alimentación do gando, o abastecemento das fábricas produtoras de pensos e o normal funcionamento do sector produtor.
Os servizos mínimos que inicialmente comprometeran os transportistas non se están a cumprir; e xa dende onte se rexistran paros de actividade nas fábricas dedicadas á produción de alimento para o gando que, de non garantirse a entrada de materia prima nas plantas produtoras, se xeralizarán nas próximas horas.
As consecuencias da situación actual son especialmente acuciantes e graves para a produción de carne integrada dos sectores avícola, cunícola e porcino, totalmente dependentes do subministro externo de penso. Granxas que dispoñen dunha marxe moi pequena e que, se a situación non muda nun máximo de 48 horas, comezarán a vivir escenas dramáticas a causa dese desabastecemento.
Se ben ata o de agora os transportistas en folga respectaron a recollida de leite das granxas, a incapacidade das industrias de dar saída a esa produción e as limitación de almacenaxe xa están a xerar problemas na cadea produtora. Complicacións que en cuestión de horas se trasladarán ás explotacións e traduciranse na paralización desas recollidas.
UUAA e as demais organizacións lembran que a situación é límite. “Ninguén mellor que o sector gandeiro para entender as consecuencias do encarecemento brutal da enerxía. Somos totalmente solidarios, pero o dereito á folga dos transportistas non pode ser a custa da alimentación da cidadanía nin do gando. Por iso a organización convocante ten que garantir uns servizos mínimos, e as administracións deben facer o necesario para que se cumpran”, recalcan.