UUAA PIDE UNHA ACTUACIÓN INMEDIATA DO GOBERNO CONTRA O BLOQUEO NAS GRANXAS

Sen penso nin recollida de leite os gandeiros son os reféns do caos dos transportistas

Santiago, 17 de marzo de 2022.- Unións Agrarias pide unha actuación inmediata do Goberno para poñer orde no caos provocado a consecuencia da folga salvaxe dos transportistas, que están a levar ás explotacións gandeiras a unha situación límite ante a falta de alimentación animal e de recollida de leite.

Unións Agrarias entende que o goberno non pode permitir que o paro patronal no transporte tome por reféns ás pouco máis de 6.000 familias que sobreviven no sector lácteo para crear unha situación de presión cara as súas reivindicacións. Unha petición que fai extensiva ás industrias para solicitarlles que actúen de modo decidido para garantir as liñas de recollida nas granxas.

A organización agraria considera precisa e urxente unha actuación decidida por parte das administracións que permita poñer orde á situación actual de caos e que evite que os produtores sexan os pagáns da lei da selva que está a darse nas estradas galegas.

Unións Agrarias trasladou xa onte unha mensaxe de comprensión cara á situación dos camioneiros debido á suba do combustible. Problemática que tamén padecen os produtores á hora de encher o depósito dos seus tractores ou as colleitadoras. Así as cousas, a organización entende que carece de toda lóxica que transportistas e gandeiros teñan que entrar nunha “guerra de pobres” forzando perdas no sector primario, máis aínda nun momento tan delicado como o que este xa estaba atravesando, debido á pasividade do Goberno e á súa resistencia a actuar para conxugar o dereito ao paro co mantemento da actividade nas granxas.

UUAA lembra que as consecuencias do paro tamén están a provoca runha crise de viabilidade nos sectores intensivos como o avícola ou o porcino debido ao descontrol no reparto de pensos; o que reafirma o avanzado onte por UUAA no sentido de que as reservas de alimentación animal deste tipo de explotacións apenas chega a tres días, polo que a mortandade masiva de animais resulta cada vez un escenario máis creíble.

Neste contexto, a organización agraria insiste en reclamar das administracións a posta en marcha dun plan de continxencia que coordine accións para garantir o mantemento da produción, dada a delicada situación na que se atopan as explotacións polas consecuencias derivadas da guerra en Ucraína, a seca e agora a folga de transportes.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias