Arredor dun milleiro de gandeiros galegos súmanse á macromanifestación do 20MRural

UUAA esixe unha acción coordinada das administracións para frear a grave crise de rendibilidad que afecta ao sector produtor

Preto dun milleiro de gandeiros e gandeiras galegas desprazáronse este domingo ata Madrid para participar na multitudinaria marcha convocada para denunciar a situación límite que vive o sector agrogandeiro e a necesidade de políticas que garantan a rendabilidade do sector primario, a calidade de vida e o futuro dun medio rural vivo.

Unións Agrarias puxo o foco na situación límite que padecen as explotacións gandeiras, despois de meses padecendo unha brutal escalada dos custos de produción que, ata o de agora, o sector produtor non ten sido quen de trasladar aos prezos que precibe pola carne ou o leite. Nese senso, a organización fixo un chamamento ás administracións para que garantan o cumprimento estrito da Lei de Cadea Alimentaria e actúen con contundencia contra quen incumpre o dereito de gandeiras e gandeiros a cobrar por enriba do que lles custa producir.

UUAA tamén esixiu unha inxección económica de fondos públicos directos e pediulle ás administracións colaboración e traballo conxunto para que ningunha explotación se vexa na obriga de pechar a consecuencia da grave crise de rendibilidade que atravesa o sector. “Ningún agricultor e gandeiro pode nen debe vender un só produto por debaixo do que lle gusta producir”, destacou o secretario xeral da organización, Roberto García. Que tamén ollou cara ao transporte para pedirlles aos impulsores do paro respecto e empatía cara ás gandeiras e gandeiros que, coma eles, padecen as consecuencias da forte suba dos combustibles e outros insumos indispensables para a súa actividade diaria.

A organización agrogandeira sairá á rúa este luns para esixir ao Goberno garantías absolutas: na recollida do leite pero tamén no subministro do cereal necesario para a alimentación do gando e na saída da produción das industrias cara aos puntos de venda. Algo que non se está a dar dende hai arredor dunha semana e que ten ás explotacións contra as cordas.

“Ningún animal pode quedar sen alimentar, ningún animal pode morrer porque non podemos darlle de comer e ningún cidadán pode pagar a escasez de alimentos porque non se garantan eses servizos esenciais. Esiximos que se solucione o problema cos transportistas, pero non podemos seguir sendo reféns, véndonos obrigados a tirar o leite ou vendo como se impide que se sacrifiquen os nosos animais”.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias