UUAA e FEGAPOR piden ao goberno solucións ao bloqueo provocado polo paro do transporte

Gandeiros galegos concentráronse ás portas da Delegación do Goberno en Galicia para alertar da situación límite que están a padecer

 

Gandeiros de vacún e porcino de Galicia congregáronse esta mañá ás portas da Delegación do Goberno en Galicia para alertar da situación límite que padecen a consecuencia do bloqueo derivado do paro do transporte. Convocados por Unións Agrarias e pola Federación Galega de Produtores de Porcino FEGAPOR, os manifestantes puxeron o foco nas enormes dificultades que as granxas están a padecer; tanto pola imposibilidade de dar saída á súa produción como para abastecerse do penso necesario para alimentar aos seus animais. As organizacións convocantes pediron unha actuación inmediata do Goberno que aporte garantías, tanto para a recollida do leite ás granxas como para a recepción dos insumos necesarios para a alimentación do gando e a saída da produción das industrias cara aos puntos de venda.

Gandeiras e gandeiros chegados de distintas comarcas galegas concentráronse esta mañá na Coruña para esixir solucións á situación límite á que está a abocalos o bloqueo do transporte. Os manifestantes reclamaron que a gandería deixe de ser refén do transporte. E lembraron os graves problemas que están a padecer pola falta de penso co que alimentar ao gando ou ao verse na obriga de tirar co leite que producen pola paralización da recollida.

Mentres a concentración continuaba na rúa o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o presidente de FEGAPOR, José Antonio Vidal, foron recibidos polo delegado do Goberno, José Manuel Miñones, que escoitou as reclamacións do sector produtor e púxose do seu lado para poñer fin ao bloqueo.

Unións Agrarias aproveitou a mobilización para lembrar que a situación derivada do paro do tranporte non é máis que a pinga que colma o vaso. As explotacións gandeiras galegas levan moitos meses sumidas nunha grave crise de rendibilidade; froito da escalada constante dos seus custos de produción e da súa imposibilidade de trasladar ese aumento ao prezo que perciben polos seus produtos. Así as cousas, a organización agrogandeira destaca que, alén das solucións necesarias para desbloquear a situación actual, a gandería precisa dunha implicación decidida de todas as administracións para garantir prezos xustos, rematar coa venda a perdas e facer cumprir a Lei de Cadea. “Cando este paro remate queremos seguir tendo explotacións abertas e rendibles. E para iso é fundamental contar con contratos que cumpran a lei e que garantan que ningún gandeiro cobra menos do que lle custa producir. E actuar con contundencia contra as industrias que forzan a venda a perdas”, destaca a organización. Que tamén pon o foco na responsabilidade das industrias lácteas ante a situación actual; posto que os contratos de recollida subscritos cos gandeiros obríganas a continuar con esa actividade independentemente da súa capacidade para dar ou non saída á produción.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias