Medio milleiro de agricultores e gandeiros concéntranse en Xinzo para reclamar solucións á crise de rendibilidade sen precedentes que atravesa o sector

UUAA, FRUGA, SLG, ADEGAL e Asoc. de Produtores de Pataca de Limia convocan unha tractorada para o venres

Agricultores e gandeiros da comarca da Limia congregáronse esta mañá na praza Carlos Casares de Xinzo para protestar pola grave crise de rendibilidade que atravesan e esixir solucións que garantan o futuro e a viabilidade do sector produtor. Arredor de medio milleiro de profesionais do campo secundaron unha concentración convocada por Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, FRUGA, ADEGAL e Asociación de Produtores de Pataca da Limia que abre un calendario de mobilizacións que continuará o venres cunha tractorada e unha manifestación.

UUAA considera indispensable que todas as administracións se impliquen para garantir a viabilidade das explotacións agrogandeiras galegas, hoxe sumidas nunha crise de rendibilidade sen precedentes froito das fortes e constantes subas dos combustibles, a electricidade, os pensos, os fertilizantes e outros insumos indispensables para o mantemento da actividade. A organización agrogandeira asina, xunto aos demais colectivos convocantes, un manifesto conxunto a través do que solicitan:

  1. Un gasóleo libre de impostos para as explotacións
  2. Flexibilización da PAC nesta campaña de xeito que poidan sementarse os barbeiros co obxectivo de paliar a escasez de cereais
  3. Procura dun mecanismo para adiantar os pagos da PAC unha vez feita a solicitude sen ningún tipo de gravame para que os agricultores e gandeiros dispoñan de liquidez
  4. Flexibilización dos EcoEsquemas da PAC 2023
  5. Bonificación dos intereses e moratoria de cando menos dous anos nos préstamos das explotacións agrogandeiras
  6. Aplicación dun módulo cero a todas as actividades agrogandeiras
  7. Incremento da porcentaxe dos gastos de difícil xustificación no réxime de estimación directa par ao ano 2021, polo menos ata o 15%
  8. Condonación da Seguridade Social a agricultores e gandeiros por conta propia e allea durante un ano
  9. Establecemento dun coeficiente redutor para os gastos derivados dos pensos, plásticos e fertilizantes
  10. Incremento do apoio dos Fondos Next Generation
  11. Construción dunha planta de recollida de residuos agrarios e compostaxe
  12. Habilitación dunha liña específica para o acondicionamento dos almacéns de pataca
  13. Aplicación real da Lei de Cadea Alimentaria
  14. Bonificación da enerxía nas comunidades de regantes e nas explotacións agrogandeiras
  15. Autorización de cambios de uso de forestal a agrícola que permita atender a demanda de terra das explotacións e incrementar a Superficie Agraria Útil
  16. Controlar que as importacións cumpran as normas vixantes na Unión Europea
  17. Incrementar a aposta para potenciar as producións amparadas nas distintas IXPs galegas (Pataca de Galicia,Ternera Gallega e Pan de CEA)

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias