Arredor dun milleiro de agricultores e gandeiros galegos participaron hoxe na manifestación conxunta convocada por Unións Agrarias xunto á Asociación de Produtores de Pataca de Xinzo, FRUGA, SLG e ADEGAL para denunciar a crise de rendibilidade sen precedentes que atravesa o sector primario. Uns trescentos tractores percorreron a vila nunha marcha coa que os convocantes demandaron a implicación de todas as administracións para facer cumprir a Lei de Cadea, rematar coa venda a perdas e poñer en marcha un paquete de medidas que evite o peche de explotacións e que garantan a súa viabilidade.
UUAA considera indispensable que todas as administracións se impliquen para garantir a viabilidade das explotacións agrogandeiras galegas, hoxe sumidas nunha crise de rendibilidade sen precedentes froito das fortes e constantes subas dos combustibles, a electricidade, os pensos, os fertilizantes e outros insumos indispensables para o mantemento da actividade. Situación que se suma aos baixos prezos xeralizados que os produtores arrastraban xa dende antes da pandemia e á situación de venda a perdas que, a pesar do que estipula a lei, segue a ser unha realidade xeralizada na comercialización das produción agrogandeiras.
A organización agrogandeira asina, xunto aos demais colectivos convocantes da mobilización, un manifesto conxunto a través do que asolicitan:
- Un gasóleo libre de impostos para as explotacións
- Flexibilización da PAC nesta campaña de xeito que poidan sementarse os barbeiros co obxectivo de paliar a escasez de cereais
- Procura dun mecanismo para adiantar os pagos da PAC unha vez feita a solicitude sen ningún tipo de gravame para que os agricultores e gandeiros dispoñan de liquidez
- Flexibilización dos EcoEsquemas da PAC 2023
- Bonificación dos intereses e moratoria de cando menos dous anos nos préstamos das explotacións agrogandeiras
- Aplicación dun módulo cero a todas as actividades agrogandeiras
- Incremento da porcentaxe dos gastos de difícil xustificación no réxime de estimación directa par ao ano 2021, polo menos ata o 15%
- Condonación da Seguridade Social a agricultores e gandeiros por conta propia e allea durante un ano
- Establecemento dun coeficiente redutor para os gastos derivados dos pensos, plásticos e fertilizantes
- Incremento do apoio dos Fondos Next Generation
- Construción dunha planta de recollida de residuos agrarios e compostaxe
- Habilitación dunha liña específica para o acondicionamento dos almacéns de pataca
- Aplicación real da Lei de Cadea Alimentaria
- Bonificación da enerxía nas comunidades de regantes e nas explotacións agrogandeiras
- Autorización de cambios de uso de forestal a agrícola que permita atender a demanda de terra das explotacións e incrementar a Superficie Agraria Útil
- Controlar que as importacións cumpran as normas vixantes na Unión Europea
- Incrementar a aposta para potenciar as producións amparadas nas distintas IXPs galegas (Pataca de Galicia,Ternera Gallega e Pan de CEA)