No prazo aproximado dunha semana as ganderías galegas de carne de vacún comezarán a notar os resultados do acordo impulsado por Unións Agrarias con todos os matadoiros e cadeas de distribución que operan en Galicia. Esa é a previsión que baralla a organización agraria; que celebra a boa vontade das partes para revalorizar a produción cárnica adscrita á IXP Ternera Gallega e cumprir coa Lei de Cadea e confía en que contra a Semana Santa poida producirse unha segunda actualización á alza dos prezos que perciben as ganderías galegas.
Tras meses de conversas discretas chamando unha a unha á porta de todas as cadeas de distribución e matadoiros, Unións Agrarias ten conseguido dar forma a unha fronte común polo futuro da gandería tradicional galega. Nun contexto de venda a perdas xeralizado que o sector xa levaba moito tempo arrastrando, a suba de custos dos últimos meses ameazaba con converterse no tiro de gracia para os produtores, afogados por uns prezos máis que insuficientes. Por ese motivo a finais do ano pasado UUAA tomou a iniciativa e púxose á fronte das negociacións para conseguir que todos os elos implicados na cadea de valor de Tenreira Galega comezasen a remar na mesma dirección.
O acordo impulsado por Unións Agrarias supón un fito histórico, pois implica unha visión de conxunto e unha suma de esforzos de todos os elos da cadea produtora sen precedentes. E é que, á espera de que a Xunta de Galicia cree o Observatorio que se encargará de analizar, fixar e publicar os custos de produción de referencia polos que de agora en diante se rexerán todas as transaccións no cárnico de vacún galego; matadoiros e distribución xa teñen posto sobre a mesa a súa vontade de comezar a revalorizar a produción cárnica de inmediato.
Acometer unha suba do prezo que os gandeiros galegos cobran pola carne é urxente, habida conta da grave crise de rendibilidade na que estes se atopan dende hai xa moitos meses. Porque cando a crise da covid-19 botou por terra as vendas o sector xa se atopaba nunha situación preocupante, cuns prezos que levaban anos sen actualizarse.
Unha vez a Xunta teña en marcha o Observatorio de prezos e a AICA galega comprometidas serán eses organismos os que se encarguen de velar porque todas as transaccións vinculadas a Ternera Gallega se realizan dentro do marco da Lei de Cadea Alimentaria. É dicir, a prezos suficientes para que ningún elo da mesma se vexa obrigado a vender a perdas. Porén, mentres eses organismos e as ferramentas a eles vinculados non se poñen en marcha, distribución e matadoiros xa teñen aseverado a súa vontade por comezar a traballar na revalorización da produción das ganderías galegas sen demora. “É importante contar con ese avance; non podemos esperar á posta en marcha do Observatorio porque a situación é dramática e a actualización de prezos debe comezar a realizarse xa”.
“Para que este acordo fose posible foron necesarios meses de traballo silencioso, pois tivemos que ir matadoiro a matadoiro e cadea a cadea ata conseguir a implicación de todos eles”, explica a organización, que valora a vontade negociadora das partes e o aval da Xunta a pesar das complicacións xurdidas nas últimas semanas a raíz do bloqueo impulsado por unha parte do sector do transporte e por algúns gandeiros.
Alén do acordo acadado, Unións Agrarias lembra que, logo de moitos meses resistindo e acumulando perdas, a situación das explotacións é máis que delicada. Por iso a organización insta á Xunta de Galicia a habilitar un plan de choque cofinanciado co Goberno Central e a Comisión Europea, con axudas directas que axuden aos produtores a saír do pozo e lles inxecten a liquidez necesaria para saír adiante.
UUAA tamén fai un chamamento para que se permita o refinanciamento dos créditos das explotacións, establecendo unha moratoria dun ano e ampliando o prazo de execución tanto dos créditos ICO como dos dependentes do IGAPE. Ademais, aposta polo anticipo da PAC como medida necesaria para garantir a viabilidade das explotacións, así como pola devolución do imposto de hidrocrarburos e o abaratamento dos custos ligados a abonos e fertilizantes “que están estrangulando ás explotacións de carne”.