Cada explotación de carne de vacún adscrita a Ternera Gallega aumentará os seus ingresos anuais nun mínimo de 7.800 euros grazas ao acordo impulsado por Unións Agrarias cos matadoiros e cadeas de distribución que operan en Galicia. Esa é a media do incremento que se producirá tan só polo feito de que as ganderías comecen por fin a cobrar prezos suficientes para cubrir os seus custos de produción, tal e como marca a Lei de Cadea. Unha contía que a organización confía poida complementarse coa máxima brevidade cunha axuda pública non inferior á que o Goberno central xa aprobou para o sector lácteo.
Unións Agrarias ten claro que a solución para a crise de rendibilidade do sector produtor non pode vir nunca pola vía das axudas públicas, senón por unha formación de prezos xusta que garanta o futuro da gandería, tal e como marca a lei. Porén, tras moitos meses encaixando perdas económicas, a situación actual das explotacións de carne de vacún galegas fai necesario que as administracións as inclúan de xeito prioritario no plan de emerxencia cofinanciado entre Europa, Goberno central e Xunta de Galicia para facer fronte ao aumento dos custos de produción no sector primario.
UUAA entende que a inxección para as granxas de carne en ningún caso pode ser menor á que recibirán as de leite. Así as cousas, a organización agrogandeira fai un chamamento para que a Xunta de Galicia aposte de xeito decidido por esta actividade e complemente os fondos estatais de xeito suficiente para que a achega por vaca de carne non descenda dos 250 euros.
Nos últimos meses os custos de produción das ganderías de vacún téñense incrementado aproximadamente en euro e medio por quilo de carne producido. Dese xeito, e á espera de que a Xunta de Galicia cree o observatorio comprometido e faga públicos uns custos de produción de referencia para o conxunto do sector, os datos que manexa UUAA sitúan esa cifra cada vez máis preto dos sete euros. Porén, os prezos que percibe o sector produtor non acadan os 5 euros/quilo e levan anos estancados, á marxe do aumento da inflación e outras variables.
De acordo co protocolo subscrito o pasado venres entre Unións Agrarias, matadoiros, cadeas de distribución e Xunta de Galicia, a administración autonómica será a encargada de analizar e actualizar periodicamente os custos de produción das explotacións adscritas á IXP Ternera Gallega. Porén, á espera de que a Xunta cree o Observatorio que encargado desas función, matadoiros e distribución xa teñen posto sobre a mesa a súa vontade de comezar a revalorizar a produción cárnica de inmediato. E todas as as previsións sinalan cara a un aumento inmediato das cotizacións da carne, que as ganderías comezarán a notar en cuestión de días.
Acometer unha suba do prezo que os gandeiros galegos cobran pola carne é urxente, habida conta da grave crise de rendibilidade na que estes se atopan dende hai xa moitos meses. Porque cando a crise da covid-19 botou por terra as vendas o sector xa se atopaba nunha situación preocupante, cuns prezos que levaban anos sen actualizarse.
Tras meses de conversas discretas chamando unha a unha á porta de todas as cadeas de distribución e matadoiros, Unións Agrarias ten conseguido dar forma a unha fronte común polo futuro da gandería tradicional galega. Nun contexto de venda a perdas xeralizado que o sector xa levaba moito tempo arrastrando, a suba de custos dos últimos meses ameazaba con converterse no tiro de gracia para os produtores, afogados por uns prezos máis que insuficientes. Por ese motivo a finais do ano pasado UUAA tomou a iniciativa e púxose á fronte das negociacións para conseguir que todos os elos implicados na cadea de valor de Tenreira Galega comezasen a remar na mesma dirección.
“Para que este acordo fose posible foron necesarios meses de traballo silencioso, pois tivemos que ir matadoiro a matadoiro e cadea a cadea ata conseguir a implicación de todos eles”, explica a organización, que valora a vontade negociadora das partes e o aval da Xunta a pesar das complicacións xurdidas nas últimas semanas a raíz do bloqueo impulsado por unha parte do sector do transporte e por algúns gandeiros.
O acordo impulsado por Unións Agrarias supón un fito histórico, pois implica unha visión de conxunto e unha suma de esforzos de todos os elos da cadea produtora sen precedentes.