Santiago, 27 de abril de 2022.- Unións Agrarias ven de presentar ante Consumo alegacións ao Anteproxecto de Lei presentado por este Ministerio, que pretende a modificación do actual Código Penal, Ley Orgánica 10/1995, en materia de maltrato animal.
Esta modificación do delito de maltrato animal que se está a propoñer salta da protección aos animais de cría e compaña como está agora recollido no vixente Código Penal, -e que está en liña coa xurisprudencia da UE nesta materia- para estender a figura delitiva de maltrato a calquera tipo de “animal vertebrado”, e estendendo a estes “animais vertebrados” de xeito xenérico exactamente as mesmas figuras de maltrato e lesións que se definen no actual Código Penal para o maltrato e as lesións nada menos que para as persoas.
Nas súas alegacións Unións Agrarias advirte do disparate que supón esta homologación de “animais vertebrados” coas persoas, xa que na práctica otorga dereitos subxectivos aos animais. Ata onde dita, a teoría e práctica xurídica e o sentido común, un animal non pode ter dereitos porque non pode ter deberes, nin uso de razón. Ata este extremo de homologar os dereitos das persoas cos dun peixe ou unha rata, ambos “animais vertebrados” chega o disparate que pretende o Ministerio de Consumo dirixido por Alberto Garzón, con esta modificación legal.
A necesaria e lexítima protección dos animais xustificase non en dándolles dereitos que non poden ter, senón na obriga que temos os seres humanos de respectalos. Obriga que é un ben xurídico diferente a supostos dereitos subxectivos que polas razón obvias expostas non pode ter un animal, por moito que o pretenda unha proposta de lei inclasificable dende o punto de vista xurídico e da razón.
Deixar abertas figuras xurídicas e conceptos axeitados aos seres humanos pero non aplicables a animais nun Código Penal, como pretende esta incualificable proposta de reforma, deixa a práctica da cría de animais e da gandería aos pés dos cabalos ante posibles denuncias mal intencionadas que poidan cuestionar aspectos que actualmente están perfectamente regulados fora do Código Penal en distintas lexislacións sectoriais, e xera todo tipo de inseguridade xurídica para produtores, gandeiros e todo tipo de operadores na cadea de valor da gandería.
Unións Agrarias lembra que o delito de maltrato animal xa está perfectamente recollido no actual Código Penal, nos seus artigos 337 e 337 bis, e que dá lugar a numerosas intervencións das autoridades cando se dan estes execrables feitos. Asemade, a cría, transporte e sacrificio de animais de produción está perfectamente regulada e sometida ás normas de benestar animal da Unión Europea, as máis esixentes do mundo, sen precisar de homologar reses a persoas para garantir o seu axeitado trato e manexo.
UUAA agarda que impere o sentido común e se retire esta proposta de modificación do Código Penal, que busca no fondo desprestixiar e criminalizar a calquera actividade produtiva no ámbito da gandería, que crea inseguridade xurídica, e que se amosa carente de fundamentos xurídicos. Apostando porque se manteña o actual marco legal de loita contra o maltrato animal, e benestar animal, perfectamente arraigados na súas formulacións actuais no dereito comparado da UE, e que veñen sendo unha eficaz ferramenta de loita contra o execrable delito do maltrato animal e para garantir un axeitado manexo dos animais de produción.