Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con celeridade e a impulsar axudas de mínimis para apoiar aos sectores produtores marxinados no reparto de fondos impulsado polo Goberno central para compensar a suba de custos de produción no sector primario. A organización denuncia o agravio comparativo perpetrado contra os gandeiros de carne de vacún, coello e polo e solicita a implicación do executivo autonómico para habilitar sen demora unha partida orzamentaria que o presidente Núñez Feijóo xa comprometeu verbalmente ante o Parlamento.
“Núñez Feijóo xa non é presidente, pero confiamos en que iso non sexa impedimento e agardamos que nada máis conformarse o novo goberno da Xunta se habilite a partida deses 35 millóns de euros que Galicia debe aportar para compensar os sectores que quedaron fóra do reparto estatal. Galicia ten capacidade legal para poder articular o reparto deses fondos comprometidos a través da figura de minimis, mediante a que a UE permite ás comunidades autónomas aportar subvencións a fondo perdido ata un máximo de 20.000 euros por explotacións para situacións excepcionais como esta na que nos atopamos. E instamos ao novo executivo autonómico a facelo”.
UUAA entende que a solución á crise de rendiblidade do sector produtor debe vir a través dun cumprimento estrito da Lei de Cadea; é decir, da man da erradicación da venda a perdas e duns prezos suficientes para garantir a rendibilidade de agricultores e gandeiros. Un obxectivo para o que a nova axencia de control anunciada polo goberno galego e o observatorio público que comezará a funcionar nos vindeiros días serán ferramentas cruciais. Porén, tras máis dun ano perdendo cartos sectores como o de carne de vacún precisan con urxencia dun balón de osíxeno en forma de axuda directa que axude aos produtores a saír do pozo.
UUAA lembra que o 85% dos gandeiros galegos de leite cobran hoxe por debaixo dos custos de produción cos que traballa a Xunta de Galicia. Ou o que é o mesmo; únicamente o 15% dos contratos de recollida de leite na nosa Comunidade cumpren coa lei. Nese senso, a organización destaca a necesidade de que, unha vez o novo observatorio publique os custos de produción de referencia, se actúe de oficio e se apliquen as sancións oportunas ás industrias que están a forzar a venda a perdas.
O plan deseñado polo goberno central para axudar a paliar a suba de custos derivada da guerra de Ucraína suporá o reparto de 326 millóns de euros, dos que a Galicia lle corresponderán 71. Unións Agrarias valora positivamente a contía orzamentaria habilitada: o máximo permitido pola UE máis unha partida a maiores para o lácteo. Porén, a organización agraria critica que o reparto de fondos se realice de maneira homoxénea, sen ter en conta variables como o prezo do leite, que varía dunhas Comunidades a outras; ou a industria de recollida.
Os gandeiros galegos seguen a cobrar o leite máis barato de España. Ademais, o feito de traballar cunha ou outra industria supón diferencias de ata 8 céntimos por litro. Unha realidade que converte ese modelo de reparto lineal polo que ten optado o goberno central nun agravio comparativo.
A organización tamén denuncia a falla de sensibilidade do goberno central cara aos produtores de carne e critica que, fronte aos 210 euros por vaca que percibirán os de vacún de leite, o executivo apenas destinará 60 euros a cada vaca de carne. “Estamos a falar do sector máis castigado, posto que a suba de custos dos últimos meses súmase a unha situación de partida cuns prezos xa moi afastados dos custos de produción e cunha situación de crise derivada da pandemia que o afastou radicalmente da viabilidade económica. Non se entende esta dobre vara de medir, como tampoco a actitude do goberno central cara ao sector dos coellos, en perdas dende hai máis de seis meses a causa do encarecemento dos pensos e da enerxía e ao que o goberno central destinará apenas 200.000 euros para todas as explotacións de Galicia. Algo similar ao que acontece cos produtores de polo”, denuncia Unións Agrarias.