Santiago, 18 de maio de 2022.- A organización Unións Agrarias califica de ocasión perdida a reforma da Lei de Cadea presentada no Consello de Ministros de onte, dado que non resolve os efectos que causa a preponderancia das industrias á hora de asinar contratos de recollida cos gandeiros. A ausencia de figuras como a dun mediador público que arbitre en caso desacordo sobre a cotización do leite fai que todas as condicións do contrato queden nas mans dos operadores sen que as explotacións poidan máis que adherirse aos mesmos.
Do mesmo xeito, bótase en falta unha regulación máis rigorosa dos primeiros compradores lácteos, que seguen sen ter obriga de presentar avais que sosteñan as compras de leite que realizan. Unhas situacións de insolvencia que seguen a provocar graves quebrantos na economía das granxas afectadas polos reiterados impagos que veñen da man dalgúns destes intermediarios.
Para UUAA resulta preocupante que a normativa presentada reduza o volume que se precisa para crear unha Organizacións de Produtores, xa que canto máis pequena menor será a capacidade de facer presión para mellorar as cotizacións. Pola experiencia que ten Unións Agrarias a través da OP ULEGA, resulta moi complicado que as industrias senten a negociar porque ata agora as normas facilítanlles fuxir da negociación colectiva.
Finalmente, desde Unións Agrarias destácase que a nova medida non debería de obviar a necesidade de establecer unha ferramenta de cálculo de custos de produción capaz de establecer unha media por tamaño e ubicación das granxas; algo que resulta fundamental para que un gandeiro poida ir á Xustiza a reclamar o que lle corresponde. Porén, tal como quedou o redactado normativo do Executivo, queda en mans da industria o poder modificar tamén os contratos á baixa cando os custos baixen.
A sucesións de crises nas que leva inmerso o sector primario está a tensar ao máximo as posibilidades de supervivencia económica do mesmo. Subas constantes nos medios de produción e incertezas nos mercados fan que desde a gandería se agardasen medidas moito máis audaces para loitar contra a desaparición do modo de vida das 6.000 familias que aínda se dedican ao sector lácteo en Galicia.