UUAA ALERTA DE ATAQUES DO XABARIL EN FINCAS DE CARBALLO

Solicita medidas cinexéticas para controlar os danos nos cultivos

Carballo, 20 de maio de 2022.- Unións Agrarias está a recibir denuncias dos ataques de xabaril sobre as parcelas de millo que se están a plantar estes días, dentro da presente campaña de millo forraxeiro no concello de Carballo.

Neste caso trátase de máis de 5 hectáreas afectadas nunha explotación da parroquia de Bértoa, que terán que volver repoñerse para non perder a estación produtiva. Os danos foron inspeccionados por Axentes do Servizo Provincial de Medio Ambiente, que levantaron acta dos mesmos sobre o terreo.

Unións Agrarias ven de poñer estes danos en coñecemento do Servizo provincial de Caza de A Coruña, a fin de que se coordine co TECOR Bergantiños as medidas que sexan precisas para controlar os danos sobre as parcelas.

Non obstante, entre os produtores persiste a preocupación de cara aos próximos meses, especialmente o final do verán, cando o cultivo de millo volverá a ser vulnerable cando bote a espiga, o que advirte da necesidade de dar continuidade ás medidas de xestión que controlen as poboacións de xabaril, e que tendan a afastar as mandas cara as zonas de monte.

Unións lembra a importancia da caza social como ferramenta de xestión das poboacións de xabarís e destaca que, aínda que a temporada de caza estea pechada, si son autorizables medidas extraordinarias de xestión e medidas de caza como as batidas, as esperas e os axexos; instrumentos todos válidos para compatibilizar a caza coa actividade produtiva no territorio.

Asemade, a organización lembra que a responsabilidade tanto da xestión como de resarcir os danos da fauna cinexética segue a ser dos TECOR e Sociedades de Caza, toda vez que se rexeitou no Parlamento de Galicia en xaneiro de 2020 a iniciativa lexislativa popular presentada por Unións Agrarias co aval de máis de 6.500 firmas de persoas do rural na que se propoñía a modificación da Lei de Caza de Galicia para que fora a Administración a que respondera en todo caso destes danos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias