Santiago 27 de maio de 2022.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a atender coa máxima urxencia o compromiso do ex-presidente Feijóo e a habilitar sen demora o complemento ao plan de axudas para facer fronte á suba de custos no sector produtor. A organización lembra a situación de vulnerabilidade na que se atopan as explotacións de carne de vacún, polo e coellos, claramente discriminadas na liña de axuda estatal; e pídelle ao Goberno galego que actúe coa máxima celeridade para que os fondos autonómicos cheguen a estes produtores ao mesmo tempo que os de Madrid.
Unha vez que o Ministerio de Agricultura e a Unión Europea retiraran os impedimentos que facían incompatible recibir o pago de ambas institucións, Unións Agrarias entende que non existen motivo nin escusa para que Galicia habilite a partida orzamentaria comprometida. Unha iniciativa compensatoria que, por outra banda, xa teñen en marcha varios gobernos autonómicos.
O entón presidente Núñez Feijóo anunciara logo do Consello de goberno do pasado 24 de marzo un complemento de 18 millóns de euros ao plan estatal de axuda para paliar a suba de custos de produción no sector produtor. Unha contía que para UUAA resulta insuficiente. Así, a organización aposta porque as achegas aos produtores de carne de vacún se equiparen aos 210 euros por vaca que percibirán os de leite. E reclama que a Xunta poña ademais o foco nos produtores de polo e coello, moi afectados pola suba de custos e claramente discriminados na liña estatal de axudas. En total: 35 millóns de euros de fondos propios da administración autonómica.
Unións Agrarias apela á sensibilidade e ao sentido da responsabilidade do Goberno galego co sector produtor de carne, estratéxico para o rural galego, e urxe á Xunta a desbloquear coa máxima premura os fondos precisos para paliar a grave crise de rendibilidade que atravesan as explotacións cárnicas. Así llo traslará a organización o luns á Consellería na xuntanza convocada para falar do estudo de custos de produción impulsado pola administración autonómica para o cárnico de vacún. Nese senso, UUAA lembra que os 5,2 €/quilo que os produtores están a percibir actualmente distan moito dos case 7 nos que, segundo os datos dos que dispón a organización, se sitúan actualmente os custos das explotacións. Así, Unións á Administración a correxir ese diferencial por dúas vías: pola das axudas directas e polo cumprimento da Lei de Cadea.
A organización confía en que o acordo impulsado por UUAA con matadoiros, distribución e Xunta de Galicia para garantir prezos xustos no cárnico de vacún se respecte e se cumpra. E insta á administración autonómica a traballar para que antes do mes de xullo poida estar en marcha ademais Observatorio de Custos a campaña de promoción comprometida; así como a liña de axudas directas.
A recuperación dos prezos da carne de vacún nos supermercados derivada da sinatura do protocolo asinado polos elos da cadea de valor da carne en Galicia está sendo positiva, pero máis lenta do previsto debido á resistencia dalgúns dos actores da mesma e polas incertezas dos consumidores diante da crise. Nese senso, UUAA lembra que a próxima publicación duns custos de produción de referencia para o sector resultará decisiva para o cumprimento dese acordo; pois permitirá trazar liñas vermellas e dispor dun instrumento no que basear posibles demandas contra aqueles que incumpran a Lei de Cadea e forcen a venda a perdas.
UUAA lembra o carácter estratéxico do sector produtor de carne: o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. En Galicia temos 20.000 explotacións de carne de vacún das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña: en torno a 2.500.