Santiago, 2 de xuño de 2022.- Apenas 10 empresas controlan máis do 80% da produción de carne de polo en España. Son as chamadas integradoras, que controlan o proceso produtivo desde o seu inicio ata a súa fin. Os granxeiros avícolas, arredor de 5.000 en toda España, 720 deles en Galicia, teñen unha enorme dependencia destas empresas, polo que as súas prácticas e o seu comportamento determinan en gran parte a economía e a vida dos gandeiros.
Unións Agrarias denuncia o incumprimento masivo por parte destas empresas da Lei da Cadea Alimentaria, unha normativa que obriga a cubrir os custos de produción, e cuxos períodos de transición cumpríronse hai xa varias semanas. Neste momento non hai ningunha escusa para que algunhas empresas sigan traballando sen contratos asinados e sen revisar o prezo que pagan aos gandeiros.
A evolución á alza do prezo do polo aos consumidores, que si se trasladou ao prezo que cobran as empresas integradoras, non chegou aos avicultores. Aínda que nestes momentos o prezo do polo atópase un 32% por encima do de hai un ano -2,30 euros/Kg canle-, isto non supuxo ningunha mellora dos prezos do avicultor, mentres que as empresas integradoras si puideron compensar o aumento do prezo do penso.
A Asociación de Criadores de Aves de Galicia, (ACRIAGA), xa denunciou fai máis dun mes que os avicultores non deberían estar a cobrar menos de 0,55-0,60 euros por pito criado, cando seguen cobrando uns 0,40-0,45 euros, mentres os custos de produción seguen disparados. Por iso vai esixir ás integradoras que se reúnan con eles para instarlles a cambiar a súa actitude. Sóubose que algunhas empresas están a ameazar aos granxeiros, que manifestan o seu medo para poñer denuncias, xa que os avicultores realizaron investimentos moi fortes e dependen do mantemento dos seus contratos de integración.
A organización sectorial pediu tamén ao Ministerio de Agricultura que publique inmediatamente o decreto de axudas pola crise de custos onde UUAA conseguiu que se incluíse ás granxas de polos. As Comunidades Autónomas tamén deben complementar estas axudas incluíndo a sectores como o pavo que quedaron fóra do decreto nacional.