GALICIA PERDEU NO ÚLTIMO ANO 10.000 TONELADAS DE PRODUCIÓN LÁCTEA

As explotacións galegas perciben de media 2 céntimos menos que a media española

Santiago 3 de xuño de 2022.- A produción láctea caeu en Galicia 10.400 toneladas na última campaña, segundo os índices da Declaración de Entregas de Leite do Ministerio de Agricultura. Esta caída resulta especialmente alarmante polo contexto internacional de recuperación do consumo de leite e derivados nos fogares e sobre todo na canle HORECA logo de ter superado a pandemia da Covid 19.

Una situación que sen dúbida ven derivada das perdas que veñen rexistrando mes tras mes as granxas galegas polas baixas cotizacións que sofre o leite en orixe. De media e respecto da produción española (42 cts/l), aquí un gandeiro percibe 2 céntimos menos (40 cts/l), o que condena a Galicia a situarse na cola das comunidades autónomas. Ademais, moitos produtores están moi por debaixo desta media sobre todo os que teñen explotacións menos dimensionadas.

Galicia ten o 55% dos gandeiros de leite de España. Un sector punteiro que nos últimos anos ten feito un importantísimo esforzo de modernización que sitúa á nosa Comunidade á cabeza do estado no que a produción láctea se refire. Porén, a pesar de producir o 40% do leite español, os gandeiros galegos continúan á cola no que a prezos se refire; e as tímidas subas rexistradas nos últimos meses seguen lonxe de garantir a rendibilidade do conxunto das explotacións da nosa Comunidade; onde unha grande parte dos produtores continúan a percibir prezos insuficientes para cubrir os seus custos de produción.

A forte suba de insumos como a electricidade, os combustibles, os pensos, os fertilizantes ou os plásticos agrícolas que ven experimentándose non ten ido da man dunha suba dos prezos que os gandeiros perciben polo leite que producen. Algo que debe mudar de inmediato para garantir o futuro dun sector estratéxico para o rural galego.

Unións Agrarias lembra que a reforma da Lei de Cadea non resolve os efectos que a posición de forza das industrias causa á hora de asinar os contratos de recollida do leite. A ausencia de figuras como a dun mediador público que arbitre en caso de desacordo na cotización do leite fai que as industrias sigan mantendo a súa posición de forza, evitando a negociación e impoñendo contratos de adhesión aos produtores.

Do mesmo xeito, bótase en falta a unha regulación mais rigorosa do primeiros compradores lácteos, que seguen sen ter obriga de presentar avais que sosteñan as compras de leite que realizan. Unhas situacións de insolvencia que segue a provocar graves quebrantos na economía das granxas afectadas polos reiterados impagos que veñen da man dalgúns destes intermediarios.

Unións Agrarias lembra a vital importancia de contar con ferramentas oficiais de cálculo dos custos de produción. E reivindica a implicación da administración autonómica e estatal á hora de establecer con claridade liñas vermellas que permitan erradicar a venda a perdas; así como para impulsar actuacións exemplarizantes contra os que incumpren a Lei de Cadea.

A sucesión de crises nas que leva inmerso o sector primario está a tensar ao máximo as posibilidades de supervivencia económica do mesmo. Subas constantes nos medios de produción e incertezas nos mercados que fan preciso seguir reivindicando medidas moito máis audaces para loitar contra a desaparición do modo de vida das 6.000 familias que aínda se dedican ao lácteo en Galicia.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias