Unións Agrarias destaca a “situación insostible” que está a atravesar o sector produtor de carne en Galicia. A organización fai un chamamento á administración autonómica para que actúe de inmediato e cumpra cos compromisos adquiridos. E adianta que volverá convocar mobilizacións se a Xunta de Galicia non move ficha, activa o orzamento comprometido para paliar a suba de custos que afoga ao sector produtor e pon en marcha os mecanismos necesarios para que a Lei de Cadea comece a cumprirse dunha vez.
Os dous últimos anos e medio están a supor unha dura proba para as explotacións galegas, que non están a cubrir uns custos de produción que nos últimos meses se incrementaron de xeito espectacular: máis dun 110% os derivados do gasóleo e arredor dun 50% os pensos. “Unha situación crítica que fai necesarias medidas e solucións”.
Unións Agrarias lembra que a propia Consellería do Medio Rural sitúa o custo de producir un quilo de carne de tenreira galega suprema nos 6,15€. E se ben é certo que nas última semanas, tras o acordo pola rendibilidade do sector produtor asinado por todos os elos da cadea os prezos que perciben os gandeiros se incrementaron, pasando do entorno dos 4,50-4,80 a 5,20-5,50 €/quilo, a día de hoxe seguimos moi lonxe de que se cumpra a lei.
A Lei de Cadea é clara respecto á venda a perdas, e os datos demostran con claridade que estamos a máis de 50 céntimos de que esta se cumpra no cárnico de vacún sen que as administración sigan sen tomar ningún tipo de medidas. Nese senso, Unións Agrarias insta á Consellería do Medio Rural a poñer en marcha o Observatorio público de prezos anunciado. Un instrumento absolutamente necesario que debe porse en marcha de xeito inmediato. Así como a Comisión de Seguimento que vele polo cumprimento da lei e na que estean representados todos os elos da cadea, e a AICA galega. “A día de hoxe ningún deses instrumentos se puxo aínda en marcha, e precisamos que a administración dunha vez por todas cumpra cos compromisos dos anuncios que reiteradamente fixo nestes últimos meses”.
UUAA insta á Consellería do Medio Rural a deixar de actuar como un cuarto sindicato e comece a exercer as súas competencias no canto de limitarse a botar balóns fóra. A organización lembra que a día de hoxe a contía das axudas comprometidas tralo Consello da Xunta do 24 de marzo para paliar a suba de custos de produción no sector primario segue sen coñecerse. Nese senso, Unións insta á administración autonómica a cumplir co compromiso do anterior presidente, e lembra que “en ningún caso os produtores de carne deste país poden percibir menos do que xa percibiron os de leite. E para iso é absolutamente necesario que se actúe de xeito inmediato e que se active o orzamento comprometido, porque é agora cando os produtores están facendo fronte a unha suba de custos sen precedentes e non podemos deixar que a situación leve por diante ás explotacións deste país”.
SOS tamén para as producións integradas
Na mesma liña, UUAA lembra que as produción integradas de polos, pavos ou coellos tamén están a vivir unha situación dramática ao non poder repercutir o 63% que subiu o custo da factura eléctrica no prezo que perciben polos animais que crían. A organización lembra que a suba do PVP da carne de polo non ten repercutido nin un céntimo nos produtores, polo que reclama o cumprimento da Lei de Cadea tamén neste sector e insta á administración autonómica a ter en conta estas producións no plan de axuda comprometido.