Unións Agrarias fai un chamamento para que os gandeiros que aínda non teñan iniciado a súa reclamación ao cártel do leite den un paso á fronte e reivindiquen o que, por dereito, lles pertence. A organización valora positivamente a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que ven de ampliar ata o 11 de xullo de 2024 o prazo de prescrición nas causas por prácticas ilícitas contra as 10 empresas sancionadas por pactar ilegalmente prezos á baixa para o leite.
UUAA insta aos gandeiros que venderan leite entre os anos 2000 e 2013 a sumarse á reclamación contra as industrias lácteas. A organización lembra que todos eles teñen dereito a que se lles reembolse o diferencial correspondente ao que deberan ter cobrado pola produción vendida neses anos e o que realmente percibiron. Unha contía artificialmente alterada á baixa polas industrias que, tal e como demostra a sanción imposta pola Comisión Nacional do Mercado e da Competencia, pactaron á baixa de xeito ilícito os prezos do leite durante eses anos.
A ampliación do prazo de prescrición aprobada polo TXUE abre a porta a que máis gandeiros poidan sumarse aos máis de 5.000 que xa iniciaron a súa reclamación a través de Unións Agrarias.
A organización fai un chamamento ao diálogo e á responsabilidade para que administracións e industrias se comprometan coa adopción dunha solución consensuada que permita que os gandeiros perciban as contías que se lles adeudan sen dilación, e evitando procedementos xudiciais que poidan dilatarse no tempo.