UUAA RECLAMA PREZOS XUSTOS PARA OS PRODUTOS AVÍCOLAS, QUE ESTÁN A VENDERSE POR DEBAIXO DE CUSTO

A suba do 15% do PVP non abonda para cubrir o incremento dos custos das granxas, que rolda o 40%

Santiago, 24 de xuño de 2022.- Unións Agrarias alerta da preocupante situación que atravesa o sector avícola debido á suba de custos que está a padecer e que fai insostible a súa actividade a curto prazo. A día de hoxe os produtores de carne de ave están a verse obrigandos a vender por debaixo de custos de produción, o que xera un claro desaxuste na cadea de valor do prezo do polo e supón un claro incumprimento da lexislación vixente. Así o constata a organización despois de reunirse coas principais empresas do sector, como Uvesa, Avigal, Oblanca, ou Coren, e coa interprofesional Avianza.

Os produtores están a ter que asumir subas exponenciais, sobre todo nas materias primas para alimentación animal -que representan o 70% dos custos de produción das granxas-, e que no último ano e medio duplicáronse, pasando dunha media de entre 180-190€/Tn de trigo ou millo á súa chegada a porto, a máis de 400 €/Tn na actualidade. Unha suba que se agudizou desde o inicio da guerra en Ucraína.

Tamén se disparou o custo enerxético, pasando dun prezo de 36,2 euros/Mwh a 290 euros/Mwh, tal e como constatan os datos do Operador do Mercado Ibérico da Electricidade. O custo da enerxía é clave para os produtores, pero tamén para os centros de produción, loxística ou transporte. Igualmente, os combustibles están por encima dos 2 euros por litro. Ao que hai que sumar o encarecemento do resto de insumos (equipamentos e materiais de produción, plástico e cartonaxe, loxística…)

Unións Agrarias denuncia que esta suba de custos non se está trasladando á formación do prezo de venda, o que choca de fronte coa Lei de Cadea que impide a venda a perdas. Os avicultores están a vender na gran maioría de casos por debaixo de custo, en particular os despezamentos. Así, aínda que o pito subiu nos puntos de venda un 15%, ese incremento é insuficiente para cubrir un aumento dos custos produtivos que supera o 40%, o que coloca ao sector nunha situación insostible.

UUAA lembra que de persistir esta situación existe risco de ruptura da cadea de subministración nos próximos meses, xa que moitos produtores avícolas vanse ver abocados ao peche. É por iso que a organización demanda que se aplique en toda a cadea de produción un prezo xusto para os produtos avícolas, que cubra todos os custos e que permita que todos os profesionais do sector poidan continuar traballando dignamente para manter unha estrutura de produción de alimentos cos máximos estándares de benestar animal, calidade e seguridade alimentaria no noso país, onde se cumpren as máis esixentes normativas, e sen depender de terceiros mercados con lexislacións máis laxas. A pesar do seu gran esforzo e compromiso coa produción de alimentos, o sector gandeiro leva anos infravalorado e sometido a unha situación de baixos prezos que se agudizou nos últimos tempos e que, de non emendarse con urxencia, causará un importante problema de subministración nos próximos meses.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias