Santiago 30 de xuño de 2022.- A organización Unións Agrarias xunto coa Asociación de Pataqueiros da Limia inicia o vindeiro 5 de xullo en Ourense un calendario de mobilizacións para esixir o cumprimento íntegro da normativa que contempla a Lei de Cadea. A manifestación prevista sairá ás 12.00 H da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense e dirixirase ata a Delegación do Goberno.
Nun escenario tan volátil polas gravísimas consecuencias económicas que está provocar a inxustificable invasión promovida polo goberno ruso sobre Ucraína, os agricultores e gandeiros están vendo como os custes de produción se disparan obrigando a vender a perdas as súas producións. Polos datos dos que dispón UUAA, a situación dos mercado das materias é moi grave polas consecuencias que está provocar a seca nas principais zonas de abastecemento de cereais, (América do Sur e Estados Unidos), unha problemática similar tamén a están experimentar nos países produtores de gran da UE, (España, Italia e Romanía).
Desde Unións Agrarias vese con especial preocupación a alza dos prezos do combustible. O gasto en gasoil que un agricultor asume por cada día de sementeira pasou dos 1.500 aos 2.500 €. Algo que hai que sumar á escalada imparable da enerxía e dos fertilizantes, que duplicaron o seu prezo debido ás limitacións a exportación de Rusia. Así como dos pensos, que pasaron dos 270 aos 500 €/tonelada.
Unións Agrarias lembra a vital importancia de contar con ferramentas oficiais de cálculo dos custos de produción. E reivindica a implicación da administración autonómica e estatal á hora de establecer con claridade liñas vermellas que permitan erradicar a venda a perdas; así como para impulsar actuacións exemplarizantes contra os que incumpren a Lei de Cadea.
A sucesión de crises nas que leva inmerso o sector primario está a tensar ao máximo as posibilidades de supervivencia económica do mesmo. Subas constantes nos medios de produción e incertezas nos mercados que fan preciso seguir reivindicando medidas moito máis audaces para loitar contra a desaparición do modo de vida das familias que aínda se dedican a agricultura e a gandería en Galicia.
Para a organización agraria, algunhas das reformas previstas na ultima revisión da PAC deben de ser repensadas mentres os escenario internacional non sexa mais estable. Factores como a obriga a deixar en barbeito terras de produción nun momento de necesidade de alimentación ou determinadas limitacións no sector gandeira deben ter unha moratoria na aplicación para poder compensar as graves ameazas que ten o sector primario.