UUAA ESIXE UNHA ACTUACIÓN INMEDIATA DA AICA ANTE A GRAVE SITUACIÓN NO SECTOR DO POLO

Os consumidores soportan subas do 35% que non chegan aos gandeiros

Santiago, 7 de xullo de 2022.- A organización Unións Agrarias pide unha actuación inmediata e exemplarizante da AICA para poñer freo ao desequilibrio que se está a producir na cadea de valor do sector avícola. No marco dunha reunión con Esperanza Orellana, directora xeral de Mercados y Producciones Agrarias do Ministerio de Agricultura, Roberto García, secretario xeral de UUAA, Javier López, presidente de ACRIAGA, e Román Santalla, secretario de Gandería de UPA, espuxeron a gravidade dunha situación que ameaza con levar por diante a un número importante de granxas.

Nestes momentos os supermercados reflicten subas ata dun 35% no PVP do polo. Porén, os produtores sofren o estancamento dos prezos en orixe desde hai máis de 4 anos, o que provoca unha preocupante situación debido á suba de custos do 200% na electricidade ou do 100% no gas propano no que vai de ano. Do mesmo xeito, os insumos como a labra para as camas, auga, seguros da explotación, seguridade social, man de obra, etc, que nalgúns casos multiplicaron por 2 e por 3 o seu prezo; fai que a actividade do sector produtor sexa insostible a curto prazo, xa que o está obrigando a vender por debaixo de custos de produción, xerando un claro desaxuste na cadea de valor do prezo do polo.

Logo de manter reunións cos matadoiros e as administracións Unións Agrarias vai a iniciar unha rolda de encontros coa distribución para detectar as fugas na formación de prezo que impiden que o esforzo económico dos consumidores chegue aos granxeiros.

De persistir esta situación, a curto prazo podemos asistir ao peche de moitas granxas por falla de viabilidade; ao non dar cuberto cos seus ingresos a escalada dos custos de produción. Hai que lembrar que a media de idade dos avicultores é de 48 anos, o que sitúa a esta como unha das actividades máis rexuvenecida e con maior futuro do sector primario; unha realidade que a grave situación actual ameaza con tronzar.

UUAA demanda que se aplique de xeito rigoroso e inmediato a Lei de Cadea para os produtos avícolas e que o prezo que estos perciben pola carne que producen cubra todos os custos. A organización insta a actuar con rapidez e contudencia para que nin unha soa granxa teña que abandonar a actividade e que os profesionais do sector poidan continuar traballando dignamente para manter unha estrutura de produción de alimentos que funciona cos máximos estándares de benestar animal, calidade e seguridade alimentaria no noso país, onde se cumpren as máis esixentes normativas, e sen depender de terceiros mercados con lexislacións máis laxas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias