UUAA DENUNCIA AS TRABAS Á INCORPORACIÓN QUE AS ELÉCTRICAS IMPOÑEN AOS GANDEIROS

Pide a mediación de Xunta e Valedora do Pobo antes os abusos das empresas subministradoras

Santiago, 8 de xullo de 2022.- Unións Agrarias denuncia a actitude abusiva das eléctricas e os custos inasumibles que estas impoñen aos gandeiros que queren incorporarse á actividade e poñer en marcha unha nova granxa. O caso dun mozo de Arzúa ao que lle piden 121.312,33 € por levar a luz ata a súa granxa é o último dunha serie de episodios que están a repetirse con frecuencia no rural galego. Uns feitos intolerables ante os que a organización agrarias insta ás administracións a promover un marco normativo que poña couto a este tipo de situacións, que supoñen un atranco imposible de salvar para o relevo xeracional no sector.

Unións Agrarias solicitará a mediación da Valedora do Pobo e das Consellerías de Economía, Industria e Innovación e do Medio Rural para que dean solución aos gandeiros afectados por este tipo de episodios abusivos e para que actúen como garantes de que este tipo de feitos non voltan repetirse. A organización agraria ve necesario que Xunta de Galicia e comercializadoras enerxéticas se poñan de acordo para que a conexión das explotacións agrogandeiras á rede de subministro non se faga con cargo aos seus titulares. Nese senso, UUAA chama a atención sobre o sensentido que supón apostar pola incorporación de mozos á actividade e non promover un marco que evite que a actitude abusiva das eléctricas os hipoteque xa antes de por en marcha a súa granxa.

A normativa en vigor obriga aos gandeiros que queiran por en marcha unha nova granxa a situala a un mínimo de 100 metros do núcleo de poboación máis próximo. Pero tamén di que deben ser os usuarios os que corran cos gastos da instalación que supón levar o subministro eléctrico ata un novo punto de conexión. Un tándem difícil de salvar para as persoas que queren incorporarse ao sector gandeiro, que a día de hoxe non dispón de axudas públicas para sufragar o custo deste tipo de instalacións.

UUAA considera inaceptables este tipo de trabas que claramente desincentivan a incorporación e frean o imprescindible relevo xeracional no sector. E insta ás administracións a tomar nota e a promover un marco normativo que poña couto a este tipo de abusos, inasumibles para a renda dunha persoa nova que pretende iniciarse na actividade.

A organización chama a atención sobre o agravio comparativo que este tipo de situacións supón para o medio rural; onde emprender e poñer en marcha un negocio, xa sexa vinculado ao sector primario ou doutro tipo, supón custos e dificultades extra. Nese eido, UUAA denuncia a fenda entre o medio urbano e o rural que evidencian estes feitos. E fai un chamamento para que as administracións tomen nota e movan ficha para incentivar un marco acorde ao fomento do relevo xeracional que tanto se esforzan promover.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias