UUAA insta á Xunta a despregar todos os medios de prevención e extinción previstos no PLADIGA

A organización pon o seu persoal a disposición dos afectados polos lumes

Insiste na necesidade de redobrar esforzos alén da extinción para dotar ao rural galego dunha xestión territorial axeitada, co foco posto na prevención e na seguride das persoas que o habitan

Unións Agrarias ven de poñer a disposición dos afectados polos lumes da montaña lucense e ourensana a súa rede de técnicos nas oficinas comarcais da organización para que poidan trasladar calquera necesidade relativa a danos nas vivendas, explotacións, cultivos e base territorial das explotacións afectadas polas máis de 10.000 hectáreas que, segundo datos oficiais da Xunta, levarían ardidas nos últimos días. A organización lembra que a media anual de superficie queimada en Galicia nesta década é de 20.000 hectáreas; unha cifra que dá idea da gravidade da situación xerada en apenas 4 días na parte do territorio galego máis afectada polo despoboamento e o abandono; e onde as rendas da gandeiría e a agricultura teñen as medias máis baixas da Comunidade.

Unións Agrarias lamenta a dramática situación que está a vivirse estes días na montaña de Lugo e Ourense, onde as lapas continúan avanzando mentres centos de veciños tiveron que ser desaloxados e aldeas enteiras xa quedaron calcinadas. A organización agraria chama a atención sobre a carencia de efectivos de extinción que está a denunciar a veciñanza das zonas afectadas e sobre a resposta pouco áxil detectada nalgúns casos; e insta á Xunta de Galicia a despregar de xeito inmediato todos os medios de prevención e extinción previstos no PLADIGA e a axilizar sen demora a incorporación de cuadrillas suficientes para facer fronte á excepcional situación.

UUAA non entende que, nun ano que xa desde a primavera podía preverse especialmente complicado pola seca e a posterior vaga de calor, a administración autonómica non teña actuado con maior previsión e premura. Nese senso, a organización faise eco das protestas de afiliados da comarca do Courel, que indican que o lume que se prendeu durante a tronada do pasado xoves 14 non se atallou en tres días; tempo no que se disparou tanto a superficie queimada como a perigosidade da situación.

Unións Agrarias destaca o importante traballo que estes días están a realizar todas as persoas e institución que traballan e colaboran na loita contra as lapas que están a asolar amplísimas zonas do Courel e Valdeorras. A organización fai un chamamento á responsabilidade e lembra que estamos aínda na primeira parte da campaña de lumes e que, en vista das condición meteorolóxicas e a situación extremadamente seca dos montes, a situación de risco probablementes se estenderá aínda ata mediados do mes de outubro. Nese senso, insta á administración autonómica a centrar todos os seus esforzos neste eido.

Igualmente, a organización agrogandeira solicita que se apliquen as excepcións previstas na Lei de Montes de Galicia respecto ás prohibicións automáticas de pastoreo nas superficies queimadas; pois sendo lumes maioritariamente atribuidos a causas naturais non tería sentido aplicar este dobre castigo aos gandeiros, que alén de perder os seus pastos suporía impedirlles retomar neles a actividade ata decembro de 2024. Asemade, UUAA reclama compensacións para as perdas do Pago Único da PAC que se poidan dar sobre a superficie queimada.

Unións Agrarias lembra que; alén das condicións meteorolóxicas excepcionais que están a vivirse, con tormentas eléctricas, temperaturas moi por enriba da media habitual e unha grave situación de seca; a virulencia e a perigosidade dos lumes que estamos a ver estes días ten moito que ver coa acumulación de combustible no territorio debido ao abandono da actividade agrogandeira. Nese senso, a organización fai un chamamento á reflexión e insiste na necesidade de redobrar esforzos alén da extinción para dotar ao rural galego dunha xestión territorial axeitada, co foco posto na prevención e na seguridade das persoas que o habitan.

UUAA lembra que o abandono do rural é a mellor receita para o desastre medioambiental, debendo apostar a sociedade pola actividade agraria e gandeira, que xestiona o territorio limitando a carga de combustible acumulado e rompendo a continuidade do mesmo con prados, pasteiros, cultivos e terras de labor que limitan a expansión do lume e protexen as masas forestais.

Unións Agrarias destaca que a protección do noso medio natural no inmediato futuro non vai pivotar tanto en medios de extinción nin en traballos de prevención como no acerto que se teña á hora de apoiar a agricultura e a gandeiría. Nese senso, incide na necesidade de garantir rendas dignas para agricultores e gandeiros, así como unha valoración social á altura da importancia do coidado medioambiental que o seu traballo supón para o conxunto da sociedade.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias