A eurodeputada Clara Aguilera reúnese coa rede de técnicos de UUAA para falar das novidades normativas

O encontro serviu para falar da PAC, etiquetaxe, fitosanitarios, promoción ou benestar animal

A rede de técnicos das oficinas de Unións Agrarias reuniuse este xoves coa deputada no Parlamento Europeo e vicepresidenta da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural Clara Aguilera para falar das novidades normativas que afectan ao sector. O persoal da organización agraria puido coñecer de primeira man o enfoque das novas directrices que, previsiblemente, entrarán en vigor nos vindeiros anos; así como trasladar os seus puntos de vista, queixas e suxestións á representante europea.

As novidades da Política Agraria Común para o novo período 2023-2027 foron o punto de partida dunha xuntanza na que tamén se abordaron outras novidades normativas; como o novo regulamento en materia de uso de produtos fitosanitarios, que inicialmente propón unha redución do 50%; ou os que afectan á promoción ou á etiquetaxe de produtos agroalimentarios; todos eles en elaboración.

O persoal da organización agrogandeira tivo ocasión de plantexar as súas dúbidas nun encontro no que a preocupación pola falla de relevo xeracional e o avellentamento no sector produtor estivo moi presente. Nesa liña, UUAA trasladou á eurodeputada a necesidade dunha sensibilidade especial por parte da Comisión; que debe ser consciente da particular ideosincrasia das pequenas explotacións familiares que integran o sector produtor no noso país.

Unións Agrarias incidiu na necesidade de que as novas normas en materia de sustentabilidade e adaptación ao cambio climático non deixen a ninguén polo camiño e reivindicou que a adaptación das pequenas explotacións tradicionais ao novo escenario sexa unha prioridade. Nesa liña, a organización puxo o foco sobre a relación directa que existe entre abandono da actividade agrogandeira, peche de explotacións, despoboamento e incendios forestais descontrolados. E apelou á sensibilidade da Comisión para conseguir que as novas normativas non supoñan un lastre inasumible para as mermadas rendas de agricultores e gandeiros; máis aínda nun momento de suba de custos descontrolada e baixos prezos.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias