UUAA INSTA Á XUNTA A HABILITAR DE INMEDIATO A AXUDA COMPROMETIDA PARA AS EXPLOTACIÓNS DE CARNE

Critica as trabas e a lentitude do procedemento, que supón un claro agravio comparativo e deixa a este sector produtor nunha situación de vulnerabilidade

Santiago, 22 de xullo de 2022.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a atender coa máxima urxencia o compromiso do ex-presidente Feijóo e a habilitar sen demora o complemento autonómico ao plan estatal de axudas para facer fronte á suba de custos no sector produtor. A organización lembra a situación de vulnerabilidade na que se atopan as explotacións de carne de vacún, polo e coellos, claramente discriminadas na liña de axuda estatal; e denuncia a falla de eficiencia e sensibilidade do Goberno galego, que segue deixando pasar os meses sen cumprir coa parte que lle toca para que a totalidade dos fondos comprometidos poida chegar a estes produtores.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2022 para a concesión directa das axudas excepcionais para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína nas explotacións gandeiras. Unha achega económica estatal que a Xunta de Galicia se tiña comprometido a complementar para igualala á percibida polos gandeiros de leite.

Para Unións Agrarias resulta inaceptable que catro meses despois de que o entón presidente Núñez Feijóo anunciase públicamente un complemento de 18 millóns de euros ao plan estatal de axuda para paliar a suba de custos de produción no sector produtor a Xunta siga sen cumprir co compromiso adquirido. Mentres que a achega estatal para o lácteo foi ingresada directamente polo executivo central ás contas dos gandeiros; a tramitación da partida comprometida para o cárnico deixouse en mans das Comunidades co único obxectivo de que estas puidesen complementala con fondos propios. Algo que pese a todos os anuncios mediáticos a Xunta segue sen facer.

Alén de denunciar a importante diferenza en canto á contía que percibirán os produtores de vacún de carne; Unións Agrarias considera inaceptable a falta de celeridade e eficiencia coa que se están a tramitar as achegas para este sector produtor. Así, a resolución publicada hoxe no DOG non incorpora o listado de beneficiarios nen tampouco o complemento autonómico ás axudas estatais. Algo inaceptable nun momento tan sensible para as explotacións, asfixiadas nun contexto de suba de custos de produción sen precedentes.

A organización agrogandeira insta á Xunta de Galicia a cumprir a parte que lle toca e a deixar de lado os anuncios medioáticos e os brindes ao sol. UUAA destaca a situación de extrema vulnerabilidade en que se atopan os produtores de carne galegos, que non poden seguir aguantando e tirando de endebedamento para afrontar un contexto no que os prezos que perciben non están a cubrir os seus custos de produción.

A organización agrogandeira reclama que as achegas aos produtores de carne de vacún se equiparen ás que percibiran os de leite. E insta ademáis á Xunta a por o foco nos produtores de polo e coello, moi afectados pola suba de custos e claramente discriminados na liña estatal de axudas. Nese senso, cifra en 35 millóns de euros a achega autonómica necesaria.

Unións Agrarias apela á sensibilidade e ao sentido da responsabilidade do Goberno galego co sector produtor de carne, estratéxico para o rural galego, e urxe á Xunta a axiliar o procedemento para paliar a grave crise de rendibilidade que atravesan as explotacións cárnicas. Nese senso, UUAA lembra que os 5,2 €/quilo que os produtores están a percibir actualmente de media distan dos 6,2 que, segundo os datos da propia Consellería, deberan cobrar para cubrir custos. Así, Unións insta á Administración a correxir ese diferencial por dúas vías: pola das axudas directas e mediante o cumprimento da Lei de Cadea. E esixe a axilización da posta en marcha do Observatorio de Custos e da AICA galega comprometidas no mardo acordo pola rendibilidade do sector cárnico de vacún impulsado por UUAA e asinado por distribución e matadoiros.

A recuperación dos prezos da carne de vacún nos supermercados derivada da sinatura do protocolo asinado polos elos da cadea de valor da carne en Galicia está sendo positiva, pero máis lenta do previsto debido á resistencia dalgúns dos actores da mesma e polas incertezas dos consumidores diante da crise. Nese senso, UUAA lembra que a próxima publicación duns custos de produción de referencia para o sector resultará decisiva para o cumprimento dese acordo; pois permitirá trazar liñas vermellas e dispor dun instrumento no que basear posibles demandas contra aqueles que incumpran a Lei de Cadea e forcen a venda a perdas.

UUAA lembra o carácter estratéxico do sector produtor de carne: o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. E destaca o imprescindible papel que realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes. En Galicia temos 20.000 explotacións de carne de vacún das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña: en torno a 2.500.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias