Santiago, 26 de xullo de 2022– Unions Agrarias demanda da Xunta de Galicia a inmediata posta en marcha dun plan de protección de infraestruturas e rede viaria nas zonas de montaña ardidas estas semanas nas provincias de Lugo e Ourense. A organización alerta dos riscos que poderían derivarse da situación actual e insta á administración autonómica a actuar con previsión e rapidez para evitar os danos catastróficos que poderían producirse en canto volten as choivas, e que poderían deixar zonas incomunicadas.
Unións Agrarias lembra que a magnitude e a extensión dos incendios que afectaron a amplas zonas das provincias de Lugo e Ourense teñen deixado o chan totalmente desprotexido. Unha situación que se estende polas máis de 25.000 hectáreas asoladas polas lapas e ás que agora poderían engadirse novos danos derivados da erosión tan pronto haxa aguaceiros ou tronadas de certa intensidade.
UUAA lembra que é urxente despregar un plan de intervencións que evite novos danos poducidos polas escorrentías de auga que, sen unha intervención axeitada, poderían destrozar a rede viaria das zonas de montaña de Lugo e Ourense, e mesmo ameazar núcleos de poboación situados en zonas de pendente.
A organización agrogandeira considera imprescidible actuar con rigor e realizar canto antes un inventario de puntos críticos. Así como acometer de inmediato a limpeza de cunetas e taxeas e pequenas obras de restauración hidrolóxica que preveñan a chegada masiva de sedimentos á rede viaria e ás zonas mñais baixas; co conseguinte atoamento dos elementos de evacuación de augas, que non están dimensionados para os caudais picos que se producen nas zonas queimadas, sen vexetacion que limite a velocidade das escorrentías e a súa capacidade de erosionar arrastrando terra e cinzas ao seu paso.
Unións Agrarias destaca que é necesario impulsar un despregue inmediato e efectivo dos traballos no monte antes de que volten as choivas. Nesa liña insta á Xunta a actuar con rapidez e a implementar sen demora as medidas de prevención e restauración hidrolóxica contemplados no decreto de medidas de emerxencia. E lembra que no Caurel y nas zonas de Valdeorras arrasadas polo lumen este momento a choiva é o elemento con maior capacidade de multiplicar os danos de non actuarse con premura.
A organización agrogandeira lembra que trala vaga de lumes de agosto de 2006 as choivas de setembro e as avenidas de auga que baixaron torrencialmente dos montes sen vexetación provocaron inundacións, romperon entre outras a vía rápida do Salnés (que tardou 5 meses en repararse) e afectaron a liñas ferroviarias e tendidos eléctricos. Así como aos bancos marisqueiros, que se viron afectados pola acumulación de lodos arrastrados.
Na actual situación trátase de actuar para evitar danos e situacións de emerxencia nas comarcas de montaña arrasadas polo lume, especialmente vulnerables debido ás pendentes e á posición e tipoloxía da rede viaria. Asemade, compre garantir a calidade da auga de suministro á poboación, tanto de pozos como traídas, mentres non se estabilice a situación dos solos queimados.