UUAA DENUNCIA OS INCUMPRIMENTOS DA LEI DE CADEA QUE SEGUEN A PRODUCIRSE NO LÁCTEO

A pesar das subas, as industrias seguen a forzar prezos á baixa para as explotacións máis pequenas, que non cubren custos

Santiago, 3 de agosto de 2022.- Unións Agrarias insta a industrias lácteas e primeiros compradores a cumplir coa Lei de Cadea e a trasladar de inmediato ao prezo do leite a forte suba que os custos de produción teñen experimentado nos últimos meses. A organización agraria lembra que fronte á media de 43 céntimos/litro que moitas marcas presumen de estar a pagar actualmente sitúase máis da metade do sector produtor; que segue percibindo tarifas moi por debaixo desa cifra.

As tarifas á alza coas que nos últimos días algunhas industrias están a tentar captar novos subministradores non son máis que un espellismo que enmascara unha realidade moito menos amable para os produtores de leite galegos. Así o destaca UUAA, que lembra que os 0,43€ en que se sitúa o prezo medio do litro de leite enmascara unha realidade na que seguen a existir enormes diferencias entre as tarifas que perciben as explotacións máis grandes e as que soportan as de menor tamaño.

Unións Agrarias denuncia que as mesmas industrias que ofertan tarifas vantaxosas ás granxas cun maior volumen de produción seguen forzando prezos á baixa para as máis pequenas, incapaces de trasladar ao prezo do leite a forte suba que teñen experimentado os seus custos de produción.

No contexto actual, a organización denuncia a incertidume que afecta ás explotacións e insta ás industrias a cumplir coa lei e a trasladar de inmediato aos contratos en vigor as subas de custos actuais e futuras.

A organización agrogandeira reivindica o dereito de todos os produtores non só a cubrir custos, senón a percibir rendas dignas polo seu traballo e a contar cunha marxe de beneficio suficiente para ver garantida a súa rendabilidade económica a medio e longo prazo. Algo que os 35 céntimos que moitos seguen véndose forzados a cobrar por litro de leite está moi lonxe de permitir.

Os datos do Ministerio de Agricultura situaban o custo de producir un litro de leite nos 0,35€ xa en 2020. Porén, no último ano só o prezo do cereal e dos compostos para a alimentación do gando, que representan o 70% dos custos de produción das explotacións gandeiras, incrementouse nun 45%.

Mentres seguen forzando prezos á baixa as industrias lácteas levan meses vendo aumentar a súa conta de beneficios a consecuencia da suba do PVP do leite e do aumento das cotizacións de derivados lácteos como a manteiga ou o leite en pó, en máximos históricos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias