Venres, 5 de agosto de 2022– Unións Agrarias únese ás distintas voces e colectivos sociais e do rural que en toda España alertan do contido do “Proyecto de Ley de Protección de los derechos y bienestar de los animales” que ven de ser aprobado polo Consello de Ministros para a súa tramitación, debate e votación no próximo curso parlamentario, a partir de setembro. A organización espera que impere o sentido común e que durante o período de emendas e de trámite parlamentario se eliminen da nomeada norma as partes máis lesivas para o rural e que nada aporta ao aumento da protección animal. Nese senso, UUAA fai un chamamento para que se atendan as demandas de comunidade científica, asociacións de veterinarios, e o propio informe da Comisión Nacional de Mercados y Competencia que advirte de distintos aspectos que atentarían contra a normativa europea neste eido.
A Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos-UPA, organización matriz de Unións Agrarias a nivel nacional, solicitará reunións de traballo cos distintos Grupos Parlamentarios do Congreso dos Diputados antes do inicio do trámite de enmendas previo ao debate deste Proxecto de Lei no Congreso dos Deputados. A organización entende que a nova norma debe ser revisada para conxugar a necesaria protección e o benestar animal co mantemento de usos tradicionais como o pastoreo, a protección de rabaños e explotacións contra depredadores ou a caza. E fai un chamamento á cordura e á responsabilidade para que este afán excesivo de velar pola protección dos animais non supoña un novo pau na roda para o sector produtor e a poboación rural.
Unións Agrarias manifesta o seu firme e absoluto compromiso co benestar animal e contra o maltrato, pero destaca que este xa Proxecto de Lei, promovido dende sectores animalistas fortemente ideoloxizados e alleos á realidade do rural, non engade ningunha garantía adicional a estes efectos. Pola contra e debido á súa concepción erróena de base resultará contraproducente para a protección dos animais de compaña e a biodiversidade e impactará moi negativamente nos dereitos e forma de vida de distintos colectivos rurais, que empregan os cans como elementos de soporte ao seu traballo en tarefas como o pastoreo, a protección contra depredadores coma o lobo ou a caza. O mesmo que no caso das familias que viven da comercialización de mascotas e animais de compaña que viñan desenvolvendo a súa actividade con plenas garantías e conforme á legalidade e á normativa vixente, ás que o novo proxecto de lei deixará sen forma de vida.
Falar de “dereitos dos animais” constitúe un erro de partida, posto que como seres non racionais estes non teñen responsabilidade sobre os seus actos e non se lles pode xulgar, multar, ou sentar nun banquillo. E é por esa incapacidade para ter responsabilidades que non poden ser suxeitos de dereitos. O que si existe é o deber do ser humano de respetar aos animais. Algo que xa está perfectamente recollido no Código Penal vixente, nos seus artigos 337 e 337 bis, e que xa ven dando lugar a numerosas intervencións das autoridades cando se producen episodios de maltrato animal.
En canto ao resto do contido do Anteproxecto de Lei, sen entrar nos aspectos máis anecdóticos que van dende os plantexamentos máis extranos aos directamente absurdos, dende o punto de vista do rural sí hai disposicións que parecen disparatadas. Como a obriga de castrar a todos os cans e gatos dun sexo cando se teñen convivindo machos e femias. De forma que só poidan criar estes animais empresas ou profesionais rexistrados. En Galicia temos a día de hoxe 500.000 cans censados, aos que imos ter que castrar a metade para non estar fora da Lei, non se ve en que pode axudar á protección dos animais, antes ben ao contrario polos efectos das castracións no benestar animal. Este tipo de medidas non só parecen absurdas, senón directamente moi inquietantes.
Igualmente a obriga de crear e tramitar un “núcleo zoolóxico” a partir de cinco animais, como podería ser o caso dunha explotación na que haxa catro gatos para manter a raia aos roedores, e dous cans de garda. Disparates urbanitas que reflicten unha lonxanía e distancia sobre o que é a realidade rural do país, da natureza, do que son os animais, e que pretende unha burocratización aínda maior, que tanto fai por botar xente do rural.
Tampouco parece moi axeitado propoñer un examen para ter ou coidar un animal de compaña, para o cal animalistas subvencionados examinarían a persoas do rural que levan decenios coidando e criando cans.