UUAA RECLAMA QUE AS AXUDAS PARA PALIAR A SUBA DE CUSTOS NAS EXPLOTACIÓNS DE CARNE CUBRAN TAMÉN O CEBO DE BECERROS

Denuncia o erro de base que supón que estes animais non sexan tidos en conta no cálculo das axudas

Santiago, 8 de agosto de 2022.- Unións Agrarias insta ao Ministerio a correxir o erro de base que supón deixar fóra do cálculo das axudas para paliar a suba de custos nas explotacións de carne aos becerros. A organización considera inaceptable que o goberno central non teña en conta a realidade das explotacións en Comunidades como Galicia, que crían os animais desde que nacen ata o seu envío ao matadoiro. E urxe a modificar sen demora unhas condicións que supoñen unha nova penalización e un agravio comparativo para estes produtores.

Unións Agrarias urxe ao Ministerio a habilitar os cambios precisos para que os produtores galegos de carne de vacún poidan cobrar pola totalidade dos animais que alimentan. A organización agrogandeira reclama que, igual que no caso dos cebadeiros, o decreto que rexe a concesión de axudas para paliar a suba de custos nas explotacións derivada da guerra de Ucraína recolla unha axuda por becerro para as explotacións de cría e reproducción. Un erro de base que supón deixar fóra do cálculo unha parte dos animais e, por tanto, dos custos das explotacións galegas.

Unións Agrarias denuncia a cadea de despropósitos que segue sucedéndose no que respecta a esta liña de axudas. Mentres que a achega estatal para o lácteo foi ingresada directamente polo executivo central ás contas dos gandeiros, os produtores de carne seguen agardando por unha contía que, contra toda lóxica, será substancialmente inferior á percibida polos de leite debido aos plantexamentos erróneos do Ministerio e aos incumprimentos da Xunta.

Se xa resultaba intolerable a diferencia nas contías das axudas por vaca, moi inferior no caso das de carne; o agravio aumenta agora ao non ter en conta o número de becerros no cálculo das contías a percibir por explotación. Un erro que supón unha nova penalización aos produtores de vacún e que Unións Agrarias insta a correxir sen demora, de xeito que o listado de beneficiarios poida incluír a totalidade das cabezas de gando de cada explotación: tanto as vacas nodrizas como os becerros que tamén ceban as granxas e que, igualmente, supoñen un custo en alimentación que debe ser tido en conta.

A organización agrogandeira lembra tamén que, contrariamente ao que anunciara en marzo, a Xunta de Galicia non ten complementado o orzamento do Ministerio para o sector cárnico con fondos propios. E destaca que a tramitación dese complemento autonómico ao plan estatal foi o único motivo que levou a deixar en mans das Comunidades Autónomas a tramitación das axudas ao cárnico.

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con dilixencia e rigor e a axilizar os trámites para que os produtores de carne poidan percibir de inmediato os fondos comprometidos. Nese senso, a organización pon o foco na situación de extrema vulnerabilidade na que se atopan os produtores de carne de vacún, que por cada quilo de carne están a percibir un euro menos do que lles custa producila.

Alén diso, Unións Agrarias insta á Xunta a cumprir tamén cos compromisos adquiridos para rematar coa venda a perdas e garantir o cumprimento da Lei de Cadea no cárnico de vacún. E reclama a urxente posta en marcha do Observatorio de Custos e da AICA galega comprometidas no marco do acordo impulsado por UUAA e asinado por distribución e matadoiros.

UUAA lembra o carácter estratéxico do sector produtor de carne: o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. E destaca o imprescindible papel que realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes. En Galicia temos 20.000 explotacións de carne de vacún das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña: en torno a 2.500.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias