UUAA ESIXE QUE SE CORRIXA O AGRAVIO COMPARATIVO QUE FARÁ QUE AS EXPLOTACIÓNS DE CARNE GALEGAS COBREN 27,36 MILLÓNS/€ MENOS EN AXUDAS

O diferencial é especialmente sangrante no caso do vacún, pero afecta tamén ao ovino e ao caprino e exclúe as granxas de pavo

Santiago, 9 de agosto de 2022.- Unións Agrarias insta ás administracións a actuar para correxir o agravio comparativo perpetrado no reparto da liña de axudas habilitada para paliar a suba de custos nas explotacións derivada da guerra de Ucraína. Un trato discriminatorio que fará que os produtores de carne galegos perciban un total de 27,36 millóns de euros menos que os de leite. E que sen xustificación algunha exclúe a produtores como os dedicados á carne de pavo.

O mal plantexamento do Ministerio e os incumprimentos da Xunta de Galicia farán que as 8.000 explotacións galegas dedicadas á produción de carne de vacún perciban 27,11 millóns de euros menos da liña de axudas para paliar a suba de custos. Unha cifra inasumible nun momento especialmente delicado para o sector produtor, gravemente afectado por unha situación xeralizada de venda a perdas e forte suba de custos.

Mentres que as explotacións de leite percibiron do Ministerio 204,95 euros por vaca, a contía para as de carne será 144,95 € inferior. O que dá como resultado un diferencial de 25,99 millóns de euros aos que hai que sumar os 1,12 millóns que as explotacións deixarán de ingresar ao non terse en conta os becerros no cálculo de animais subvencionables.

Pero o agravio comparativo non se limita ás granxas de vacún, pois tamén as axudas para cabras e ovellas son inferiores no caso das dedicadas á produción de carne. Así, mentres unha ovella de leite percibe unha subvención de 14,56 € o Ministerio destina únicamente 5 ás de carne. O mesmo que acontece no caprino, cun diferencial de 3 euros entre as destinadas a unha e outra produción.

A organización considera inaceptable que o goberno central non teña en conta a realidade das explotacións tradicionais de Comunidades como Galicia, que crían os animais desde que nacen ata o seu envío ao matadoiro. E urxe a modificar sen demora unhas condicións que supoñen unha nova penalización e un agravio comparativo para estes produtores. Nese senso, Unións Agrarias reclama que o listado de beneficiarios inclúa a totalidade das cabezas de gando de cada explotación: tanto as vacas nodrizas como os becerros que tamén ceban as granxas e que, igualmente, supoñen un custo en alimentación que debe ser tido en conta.

A organización agrogandeira lembra ademais o deplorable papel da Xunta de Galicia que, pese ao anunciado no mes de marzo, non ten destinado un só euro a complementar a liña estatal de axudas para o cárnico. UUAA lembra que a suma desa achega autonómica á contía estatal foi o único motivo que levou a deixar a tramitación das axudas para as granxas de carne en mans das CCAA. Unha situación que alén do agravio cuantitativo ten dado lugar a un grave desaxuste de prazos, pois mentres que as granxas de leite cobraron directamente do Ministerio as de carne seguen agardando a que a administración autonómica lles faga o ingreso.

Granxas de pavo e polo excluídas

UUAA denuncia ademais o incomprensible que resulta que a orde de axudas teña deixado fóra ás granxas dedicadas á produción de carne de pavo. A organización considera totalmente ilóxico que o apartado dedicado á produción avícola se restrinxa á produción de polo; incorrendo nun novo agravio comparativo e excluíndo a 66 explotacións galegas que en igualdade de condicións que as de polo deberan ter percibido 118.800 euros.

Ademais, a organización apela á sensibilidade do Ministerio para solventar o problema de prazos que deixou fóra do reparto desta liña de axudas a 150 granxas de polo. A organización lembra que o sector avícola e o cunícola atópanse entre os máis perxudicados pola suba de custos: ata un 200% na electricidade ou do 100% no gas propano no que vai de ano. Do mesmo xeito, os insumos como a labra para as camas, auga, seguros da explotación, seguridade social, man de obra, etc, que nalgúns casos multiplicaron por 2 e por 3 o seu prezo. Algo que fai que a actividade do sector produtor sexa insostible a curto prazo xa que, a pesar de que os prezos de venda ao público nose supermercados se incrementaron ata nun 35% as granxas están a verse obrigadas a vender por debaixo do que lles custa producir.

UUAA lembra o carácter estratéxico do sector produtor de carne: o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. E insta ás administracións a actuar coa sensibilidade e a responsabilidade precisas para garantir a súa rendibilidade, prestarlles o apoio que precisan no complicado contexto actual e garantir o cumprimento da Lei de Cadea.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias