Carballo, 12 de agosto de 2022.- Unións Agrarias está a recibir na súa oficina de Carballo numerosas queixas de agricultores e gandeiros polos reiterados ataques do xabarín a plantacións de millo en parroquias como Lema, Bértoa ou Sísamo. A organización fai un chamamento á colaboración de tecores e sociedades de caza para que impulsen as medidas cinexéticas precisas para frear os destrozos, que xa comezan a xeralizarse toda vez que o millo ten iniciado o proceso de espigado e aumenta o seu atractivo para as mandas de porco bravo. Unha situación que está a xerar grave preocupación nun ano xa delicado debido á escasez de cereal que se prevé a causa da merma que a seca e as altas temperaturas xa están a xerar nos cultivos.
Unións lembra aos afectados a conveniencia de denunciar todos os ataques ao millo no teléfono 012 da Xunta, de forma que quede constancia do dano. Deste xeito non só será posible solicitar as axudas compensatorias, de ata 2.500 euros por explotación en función da superficie afectada; senón que o Servizo Provincial de Caza contará con rexistros oficiais e poderá autorizar medidas de prevención unha vez que sexan solicitadas polos TECOR de cada zona.
UUAA salienta que a responsabilidade dos danos causados pola fauna cinexética é a día de hoxe dos TECOR e Sociedades de Caza, segundo recolle a vixente Lei 13/2013 de Caza de Galicia. E lembra que en xaneiro de 2020 o Parlamento rexeitou a iniciativa lexislativa popular presentada por esta organización agrogandeira, co aval de máis de 6.500 sinaturas de persoas do rural, que propuña modificación desa lei para liberar aos colectivos conexéticos desa carga e conseguir que fose a Administración a que respondera en todo caso por eses destrozos.
Mentres que as axudas da Xunta unicamente teñen carácter paliativo, Unións lembra que a lexislación actual abre a porta a que os afectados reclamen para que as sociedades de caza respondan patrimonialmente do pago dos danos por riba do tope que cubren esas subvencións públicas.
Por todo elo, Unións Agrarias chama á colaboración inmediata dos cazadores para que se poñan a disposición da poboación das zonas nas que están a rexistrarse ataques, a fin de realizar as esperas e batidas precisas para evitar danos no millo nas semanas que restan ata a colleita. Ademais, a organización ponse a disposición dos produtores da zona para tramitar calquera reclamación patrimonial por danos en sede xudicial, en caso de que esa colaboración, ante a petición dos afectados, non se materialice nos próximos días.
A día de hoxe permanece a veda da caza do xabarín, que abrirá o próximo sábado 20 de agosto. Ata entón si se poden autorizar accións extraordinarias de caza por danos. E a partires do día 20, xa se poderán organizar batidas ordinarias de caza en temporada, as cales Unións solicita que os TECOR as adianten o máximo posible, e lle dean un carácter de ferramenta de prevención de danos, actuando no entorno das zonas de cultivo para controlar a presencia das mandas de xabarín, e os seus estragos, mentras non se colleite o millo.
Os danos do xabarín chegan nun ano especialmente complicado pola seca, que está a mermar o rendemento normal do millo, polo que hai que facer todos os esforzos posibles, tanto dende a Administración como dende o mundo da caza, para que os destrozos causados polo porco bravo non se engadan aos producidos pola seca que xa está a mermar tanto a cantidade como a calidade das colleitas de millo e forraxe.