Unións Agrarias denunciou este venres o emprego da carne de polo como reclamo no Family Cash de Lugo. Produtores e membros da organización acudiron ás instalacións do supermercado recén aberto na cidade da muralla para esixir o cumprimento da Lei de Cadea e a eliminación dunha oferta abusiva coa que a cadea de Valencia ignora a legalidade e nega o dereito dos granxeiros a cubrir custos.
Cando un consumidor merca un polo de tres kilos no supermercado e paga por el 3,29€, o produtor está percibindo entre 40 y 45 céntimos. É dicir, uns 15 céntimos por quilo: o mesmo que recibía hai un ano, e unha contía insuficiente para cubrir o encarecemento da enerxía e demais insumos. Porén, o Family Cash chegaba á cidade de Lugo cunha oferta tan agresiva como ilegal, ofertando a unidade a 2,59€: uns 90 céntimos por debaixo de custos de produción. Unhas prácticas que Unións Agrarias xa ten denunciado ante a AICA.
A organización agrogandeira fai un chamamento para que a Axencia de Información e Control Alimentarios actúe ante este novo e flagrante caso de emprego da carne de polo como reclamo. Unha práctica enganosa que nega o dereito dos produtores a percibir prezos xustos polo seu traballo e que, ademais, é ilegal.
UUAA lembra a situación límite que atravesan os produtores de polo, afogados por uns prezos que levan máis de catro anos estancados. A pesar de que nos últimos meses o PVP desta carne se encareceu nun 35% distribuidoras e integradoras son as que están a quedar con esa contía, que non chega ás granxas; afogadas por unha suba de custos de a ta o 200% na electricidade ou do 100% no gas propano. Do mesmo xeito, insumos como a labra para as camas, auga, seguros da explotación, seguridade social ou man de obra multiplicaron por 2 e por 3 o seu prezo. Unha situación que fai que a actividade do sector produtor sexa insostible a curto prazo, xa que o está obrigando a vender por debaixo de custos.
Unións Agrarias destaca que, de persistir esta situación, a curto prazo podemos asistir ao peche de moitas granxas por falla de viabilidade. E lembra que a media de idade dos avicultores é de 48 anos, o que sitúa a esta como unha das actividades máis rexuvenecida e con maior futuro do sector primario.
UUAA demanda que se aplique de xeito rigoroso e inmediato a Lei de Cadea para os produtos avícolas e que o prezo que estos perciben pola carne que producen cubra todos os custos. A organización insta a actuar con rapidez e contudencia para que nin unha soa granxa teña que abandonar a actividade e que os profesionais do sector poidan continuar traballando dignamente para manter unha estrutura de produción de alimentos que funciona cos máximos estándares de benestar animal, calidade e seguridade alimentaria no noso país, onde se cumpren as máis esixentes normativas, e sen depender de terceiros mercados con lexislacións máis laxas.