UUAA DEMANDA AXUDAS INMEDIATAS PARA PALIAR A FALLA DE FORRAXE CAUSADA POLA RATATOUPA

Considera intolerable que, logo de catro anos, a Xunta non preste o apoio necesario ás explotacións da montaña lucense

 

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a habilitar sen demora axudas económicas que contribúan a paliar a grave crise de desabastecemento de forraxe que padecen as explotacións da montaña lucense a consecuencia da praga de ratatoupa. O responsable de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias, Félix Porto, e os responsables das comarcas dos Ancares e Sarria, Iván Raposo e Miguel Tomé, explicaron en rolda de prensa a situación que atravesan os agricultores e gandeiros da zona afectada; especialmente grave nun ano no que os incendios se teñen cebado coa provincia e no que as altas temperaturas e a seca teñen mermado a colleita de millo aproximadamente nun 50%.

Despois de case catro anos de espera os agricultores e gandeiros da montaña lucense seguen agardando por unha solución á praga de ratatoupa. Así o denunciou este xoves Unións Agrarias, que leva anos demandando solucións á Xunta de Galicia. A organización agrogandeira valora o traballo que os técnicos están a realizar sobre o terreo na procura de solucións que permitan frear a expansión deste roedor e os cuantiosos danos por el provocados. Porén, considera imprescindible que, mentras estas non chegan, a administración habilite unha liña de axudas públicas que contribúa a paliar as perdas económicas causadas polo pasto e a forraxe perdidas.

UUAA puxo enriba da mesa o problema da ratatoupa xa no ano 2019. Porén, logo de agardar pacientemente o resultado do traballo dos técnicos a organización considera totalmente insuficiente a actuación realizada. Catro anos depois, Unións Agrarias esixe que a Xunta de Galicia se poña as pilas e faga o mesmo que xa fixeron outras Comunidades Autónomas, como Asturias, que habilitaron liñas orzamentarias para compensar as perdas causadas a agricultores e gandeiros.

A organización lembra que o problema da ratatoupa se torna especialmente grave nun ano no que a seca, as altas temperaturas e a alza dos custos de produción ten as éxplotacións contra as cordas. Das 70.000 hectáreas de millo forraxeiro que planta Galicia 20.000 están na provincia de Lugo. Unhas cifras que este ano se verán reducidas aproximadamente nun 50% a causa da merma das colleitas provocada pola seca e as altas temperaturas deste verán; o que provocará unhas perdas económicas de máis de 30 millóns de euros ás explotacións gandeiras.

A situación dos pastos, destrozados a causa da ratatoupa e secos pola falla de auga dos últimos meses, xa está a facer que as explotacións se vexan obrigadas a tirar das reservas de ensilado que ían empregar no vindeiro inverno. Un combo que que en cuestión de meses se traducirá nunha incapacidade das ganderías galegas de autoabastecerse e nun aumento dos seus custos de produción nun momento no que o prezo do cereal se ten disparado a causa da invasión de Ucraína.

A organización volveu incidir no agravio comparativo perpetrado contra as explotacións de carne no que respecta á liña de axudas habilitadas polo goberno central e o autonómico para paliar a suba de custos de produción. Unhas contías moi inferiores ás que percibiron as de leite que deixan ás explotacións tradicionais galegas; básicas para o sustento socioeconómico, a fixación de poboación e a prevención de incendios nas zonas máis afectadas polo abandono do rural galego; nunha situación de desprotección e grave inseguridade.

UUAA lembrou o imprescindible papel que a gandería tradicional desempeña na xestión do territorio e a prevención de incendios e volveu pór en valor a función do pastoreo como o máis eficaz dos cortalumes. Nese senso, Unións instou á Xunta de Galicia a pór o foco na prevención antes que na extinción coa actividade agrogandeira no centro. “Necestiamos que se faga unha reflexión seria sobre o que está sucedendo e necesitamos que se poñan en marcha os mecanismos que se veñen comprometendo por parte da administración que non chegan: dotación orzamentaria para as explotacións de carne este ano e o que ven. Pero tamén a posta en marcha da AICA galega, que debe ser unha realidade de forma inmediata para que deixe de incumprirse a Lei de Cadea”. Nese senso, UUAA lembrou que a propia Consellería do Medio Rural cifra o custo de producir un quilo de tenreira galega suprema nos 6,16€ mentres que o prezo medio que se está cobrando é de 5,50€. Cifras que o goberno galego coñece e que supoñen un claro, flagrante e intolerable incumprimento da lexislación vixente que atenta contra a rendibilidade e o futuro do sector produtor e dunha actividade tradicional imprescindible para o rural galego.

 

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias