Considera inaceptable a falla de previsión da Consellería, que deixa sen atención médica regular á poboación
Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con dilixencia e a garantir unha asistencia sanitaria regular e de calidade para o conxunto da poboación, viva onde viva. A organización considera inaceptable que, en pleno verán, a veciñanza das comarcas de Soneira e Fisterra se vexa desprotexida a causa da falla de previsión e da mala xestión da Consellería de Sanidade, que non está a cubrir as ausencias dos facultativos, deixando á poboación nunha situación de desprotección.
Unións Agrarias denuncia o desleixo da administración autonómica que, un novo verán, deixa chegar a época estival sen anticipar cobertura para os períodos de vacacións do persoal sanitario dos centros de atención primaria. Está a acontecer en municipios como Muxía, Vimianzo ou Zas, onde conseguir unha cita ou renovar unha simple receita resulta estes días tarefa imposible. Mesmo para pacientes con doenzas crónicas, aos que a falla de médicos está a deixar sen unha medicación que lles é indispensable ao non ter quen lles actualice o subministro dos tratamentos.
A organización agrogandeira fai un chamamento á responsabilidade e critica a falla de previsión da Xunta de Galicia. Feitos especialmente graves por producirse en pequenos municipios que levan anos padecendo o paulatino desmantelamento dos seus servizos públicos e nos que a veciñanza carece de alternativas; pois acceder a unha consulta de urxencias nun PAC implica desprazamentos duns 30 quilómetros a outros municipios da contorna. Viaxes difícilmente asumibles no caso da poboación maior, máis sensible e sen acceso a transporte público que lle facilite a mobilidade.
Unións Agrarias insta á Xunta a actuar con responsabilidade e coherencia, e lémbralle á administración autonómica que a aposta por un medio rural vivo e con futuro demóstrase con políticas que garantan o acceso da veciñanza a uns servizos públicos de calidade; non desmantelando centros de saúde ou educativos e negando á poboación dos núcleos máis pequenos o seu dereito a unha cobertura asistencial rápida, eficiente e próxima.
O medio rural galego leva anos sufrindo unhas políticas de recortes que se traducen nun número cada vez menor de consultas de atención primaria, pediatras, redución de aulas ou peche de centros de ensino. Unha realidade que dificulta enormemente a conciliación e que supón unha inasumible merma da calidade de vida que fomenta o abandono, pois converte a aposta por un proxecto de vida lonxa dos núcleos urbanos nunha heroicidade. Nese senso, Unións Agrarias lémbralle á administración autonómica que o despoboamento combátese con servizos públicos de calidade; e lamenta que o desleixo da administración autonómica siga contribuíndo a agrandar a fenda rural-urbano.