UUAA INSTA A TECORES E MEDIO AMBIENTE A INICIAR AS ACTIVIDADES DE CAZA PARA PROTEXER A CAMPAÑA DO MILLO

A organización alerta da excepcionalidade dunha campaña de millo clave pola seca e a guerra na Ucraína

Santiago 29 de agosto.– Unións Agrarias está a recoller nas súas oficinas queixas xeralizadas sobre a acción do xabaril sobre parcelas con millo en produción a medida que vai madurando e desenvolvendo espiga e resulta palatable para as mandas de xabarís, que entran nas parcelas e xeran serias desfeitas.

Galicia ven sementando unhas 71.000 hectáreas de millo forraxeiro e é a principal zona de España para este cultivo, fundamental para a alimentación da cabana de leite e de carne e que se recolle a partires do mes de setembro ou en outubro, dependendo das zonas e da variedade de millo cultivada. Por iso é fundamental o control do xabaril nestas semanas nas que a espiga vai madurando e se fai comestible para o xabaril, así como no momento da colleita do millo.

Dáse a circunstancia de que este ano por efecto da seca hai unha seria caída do rendemento do millo nas principais comarcas produtoras de Galicia, que en moitas zonas chega ao 50% e que xa acumula unhas perdas en produción superiores aos 100 millóns de euros. Unha situación que provocará un aumento de custos para os produtores na próxima campaña ao ter que acudir ao mercado para trocar esa alimentación, precisamente no momento en que os prezos do cereal e a forraxe están disparados polo efecto da invasión de Ucraína. Por iso é fundamental non engadir aos produtores as perdas provocadas polas mandas de xabarís, que irán aumentando nas próximas semanas segundo as distintas variedades de millo vaian formando espiga, e que nun ano normal soen superar os 6 millóns de euros só no millo forraxeiro.

Unións Agrarias fai un chamamento e lembra que é fundamental contar coa colaboración dos TECOR e Sociedades de Caza, que dende o pasado sábado 20 de agosto xa poden iniciar a tempada ordinaria de caza. Nese senso, a organización lembra que as primeiras batidas da tempada deben realizarse de inmediato. E fai un chamamento para que se programen con carácter preventivo de xeito que sexa posible desprazar as mandas do xabaril do entorno das principais áreas de cultivo, evitando a súa entrada nos millos.

UUAA destaca que tamén a Consellería de Medio Ambiente debe implicarse na coordinación cos TECOR, trasladándolles con premura as parroquias e lugares onde se vaia reportando a existencia de danos e autorizando de forma áxil as accións de caza ordinaria ou extraordinaria que sexan precisas.

Unións tamén lembra que segundo a Lei 13/2013 de Caza de Galicia son os TECOR e Sociedades de Caza os responsables do control dos danos, así como de indemnizar aos agricultores e gandeiros cando estes se producen. Algo que continúa a ser así logo de que no mes de febreiro do ano 2020 o Parlamento de Galicia rexeitou a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola organización agrogandeira e avalada por máis de 6.500 sinaturas; a cal pretendía trasladar esta responsabilidade do control de poboacións e a indemnización de danos á Xunta de Galicia.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias