Santiago, 28 de set. de 2022.- A organización Unións Agrarias iniciará mobilizacións a semana que ven diante dos establecementos de Mercadona para denunciar a súa política comercial para manter artificialmente baixos os prezos do leite nos seus puntos de venda e condicionando así as negociacións dos novos contratos de aprovisionamento en orixe cos produtores, xa que a compañía valenciana conta co 30% do mercado lácteo español.
A campaña de protestas, que abarcará a calquera supermercado dos que Mercadona ten abertos en Galicia, quere por de manifesto a situación límite na que se atopan as explotacións en Galicia, con subas na electricidade do 69% e nas facturas da alimentación animal dun 39% respecto ao ano pasado, e máis dun 25% respecto de xaneiro deste mesmo ano.
Mercadona sigue conxelando o prezo dos seus bricks nos lineais cunha clara estratexia de usar o leite como produto reclamo que contravén totalmente a Lei da Cadea Alimentaria. Así, mentres outras cadeas de distribución equilibraron o PVP do cartón de leite coa nova situación de custos dos gandeiros, Mercadona segue forzando prezos anormalmente baixos para mellorar a súa conta de resultados.
De non ser correxida, esta estratexia pode producir un efecto contaxio ao resto das superficies comerciais para que usen da venda a perdas, alterando gravemente o mercado e toda a cadea de valor do leite. Hai que lembrar que este é un dos produtos máis usados como “gancho” para enganar ao consumidor con promocións trucadas e ao mesmo tempo asfixiar aos gandeiros nun momento no que a perda dun 30% da colleita de millo pola seca fai máis vulnerables as explotacións, dependentes duns pensos que neste momento cotizan a o máis de 410 euros por tonelada.
A produción láctea caeu en Galicia nos últimos tempos 10.400 Tn, unha situación que sen dúbida ven derivada das perdas que veñen rexistrando mes tras mes as granxas galegas debido ás baixas cotizacións que sofre o leite en orixe. De media e respecto da produción española (46 cts/l), aquí un gandeiro percibe 2 céntimos menos (44 cts/l), o que condena a Galicia a situarse na cola das comunidades autónomas. Ademais, moitos produtores están moi por debaixo desta media, sobre todo os que teñen explotacións menos dimensionadas.
Galicia ten o 55% dos gandeiros de leite de España. Un sector punteiro que nos últimos anos ten feito un importantísimo esforzo de modernización que sitúa á nosa Comunidade á cabeza do estado no que a produción láctea se refire. Porén, a pesar de producir o 40% do leite español e ser a décima rexión europea por produción, os gandeiros galegos continúan á cola no que a prezos se refire.