UUAA PIDE PROTECCIÓN PARA OS GANDEIROS DOS ANCARES POLO XABARIL

A limitación das batidas na reserva de caza dispara o volume das mandas e os danos

Santiago 4 de outubro.– Unións Agrarias está a recoller nas súas oficinas queixas xeralizadas sobre a acción do xabaril nos prados de regadío das parroquias do concello de Cervantes mais próximos á montaña. A proximidade desta zona á reserva de caza dos Ancares limita en grande medida a efectividade das batidas, xa que teñen un número máis reducido.

UUAA pide que a Consellería de Medio Ambiente se implique na coordinación cos TECOR, trasladando as parroquias e lugares onde se vaia reportando a existencia de danos e autorizando de forma áxil as accións de caza ordinaria ou extraordinaria que sexan precisas.

Os danos provocados polas mandas de xabarís son moi graves, tendo en conta que as explotacións gandeiras están xa arrastrando importantes perdas polos estragos da seca e a falta de solucións ante a praga da rata toupa cuxa expansión contra as cordas desde hai xa anos a varios concellos da montaña de Lugo.

Desde a organización agraria solicítase maior dilixencia á conselleira de Medio Ambiente Ánxeles Vázquez á hora de liberar as axudas aos produtores afectados polo xabaril en Cervantes; para os cales o feito de residir e traballar en terreos afectados pola Rede Natura supón un auténtico pesadelo debido ás trabas constantes que esta figura de protección impón á súa actividade, sen que as compensacións cheguen nin en tempo nin en forma.

Hai que lembrar que na pasada vaga de lumes que afectou á montaña da provincia de Lugo os danos foron moito máis importantes pola falta dun plan de acción adecuado a un terreo que carece de depósitos de carga para medios aéreos ou cortalumes en número suficiente.

Para UUAA resulta imperativo que a Xunta de Galicia asuma que as explotacións de gando de carne supoñen o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. Un territorio no que de non manterse as pradarías como cortalumes, o mato converterase nunha bomba incendiaria forestal de imposible extinción. En Galicia temos 20.000 explotacións de carne das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña, en torno a 2.500.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias