UUAA LOGRA QUE MERCADONA DEIXE DE BANALIZAR O PREZO DO LEITE

A cadea subiu 6 céntimos o PVP do brick, situándose en liña coas outras distribuidoras

Santiago, 5 de Outubro.- Unións Agrarias logrou que a cadea Mercadona rematase coa campaña de banalización do prezo do leite que estaba desenvolvendo nas súas tendas. Logo dunha negociación na que a organización agraria puxo sobre a mesa a posibilidade de levar adiante mobilizacións, a distribuidora valenciana aceptou subir 6 céntimos o PVP para colocarse nunha liña similar a aquela que xa segue a maior parte das grandes superficies comerciais.

UUAA manifesta a súa satisfacción por poñer fin a esta mala práctica comercial de manter artificialmente os prezos baixos. Práctica que estaba condicionando as negociacións dos novos contratos de aprovisionamento en orixe cos produtores, xa que a compañía valenciana conta co 30% do mercado lácteo español. E que significaba ademais un grave risco de que outras compañías de distribución seguisen a Mercadona polo camiño da venda a perdas e forzasen un colapso dos prezos do leite en orixe.

O sector gandeiro está atravesando unha situación límite, con subas na electricidade do 69% e nas facturas da alimentación animal dun 39% respecto ano pasado e máis dun 25% respecto de xaneiro deste mesmo ano. Ademais por culpa da seca perdeuse o 30% da colleita de millo, o que fai máis vulnerables ás explotacións que teñen que depender dos pensos que neste momento cotizan a máis de 410 euros por tonelada.

Unións Agrarias lembra que son as administracións en aplicación da Lei da Cadea Alimentaria as que teñen que estar vixiantes ante accións como as que a organización agrogandeira ven de denunciar. Neste sentido resulta preocupante que Xunta de Galicia logo de anunciar hai meses da posta en marcha da chamada AICA galega para vixiar a formación de prezos dun xeito xusto siga sen facer deste instrumento unha realidade.

A tentación das superficies comerciais de usar a venta a perdas para alterar o mercado e toda a cadea de valor do leite e outras producións sempre vai a estar aí, polo que resulta imprescindible activar os instrumentos que fagan posible a aplicación da norma. Hai que lembrar que o leite é un dos produtos mais usados como “gancho” para enganar ao consumidor con promocións trucadas e, ao mesmo tempo, asfixiar aos gandeiros nun momento especialmente crítico para o sector.

A produción láctea caeu en Galicia nos últimos tempos 10.400 Tn. Unha situación que sen dúbida ven derivada das perdas que veñen rexistrando mes tras mes as granxas galegas polas baixas cotizacións que sofre o leite en orixe. De media e respecto da produción española (46 cts/l), aquí un gandeiro percibe 2 céntimos menos (44 cts/l), o que condena a Galicia a situarse na cola das comunidades autónomas. Ademais, moitos produtores están moi por debaixo desta media, pois os que teñen explotacións menos dimensionadas continúan a cobrar tarifas moi por debaixo desa cifra.

Galicia ten o 55% dos gandeiros de leite de España. Un sector punteiro que nos últimos anos ten feito un importantísimo esforzo de modernización que sitúa á nosa Comunidade á cabeza do estado no que a produción láctea se refire. Porén, a pesar de producir o 40% do leite español e ser a décima rexión europea por produción, os gandeiros galegos continúan á cola no que a prezos se refire.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias