UUAA DENUNCIA A DISCRIMINACIÓN DO RURAL NO ACCESO AO BONO CULTURA DA XUNTA

Insta á Consellería a reabrir o procedemento facilitando o acceso en igualdade de condicións para a totalidade dos posibles beneficiarios

Insta á Consellería a reabrir o procedemento facilitando o acceso en igualdade de condicións para a totalidade dos posibles beneficiarios

Santiago, 2 de novembro de 2022.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a reabrir o procedemento de concesión de Bonos Cultura garantindo o acceso en igualdade de condición para a totalidade dos posibles solicitantes. A organización agrogandeira denuncia a discriminación cara á veciñanza do rural na que a administración autonómica incorreu na tramitación dunhas axudas que se esgotaron en apenas unha hora; e ás que a poboación de moitas áreas rurais de Galicia ás que a cobertura dixital aínda non chega non tivo acceso.

A tramitación online foi a única vía habilitada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia para solicitar un dos 20.000 Bonos Cultura ofertados pola administración autonómica para fomentar o consumo de produtos culturais e favorecer o acceso da cidadanía aos mesmos. Unha opción totalmente inaxeitada nunha Comunidade que segue padecendo as consecuencias dunha deficiente cobertura dixital e na que boa parte da veciñanza non ten acceso a banda ancha de alta velocidade.

Unións Agrarias denuncia a dobre discriminación que supón para a poboación rural o feito de limitar as posibilidades de acceso a estes bonos á tramitación online. A organización agraria lembra a escasa oferta de ocio e cultural que chega aos pequenos núcleos. E considera inaceptable que estes bonos penalicen precisamente ás persoas que gozan dun acceso máis difícil a este tipo de produtos.

Unións Agrarias critica as desafortunadas declaración do secretario xeral de Cultura en relación ao suposto “éxito” que supón que o feito de que os bonos se esgotasen en apenas 60 minutos. Nese senso, a organización lamenta a escasa sensibilidade e as curtas miras da administración autonónimica ao ter ignorado a realidade de boa parte da poboación. E esixe a reapertura do procedemento cunha nova dotación orzamentaria de xeito que se garantan as posibilidades de acceso en igualdade de condición para todos os posibles solicitantes.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias