UUAA DENUNCIA AS TRABAS DA XUNTA PARA A OBTENCIÓN DO CERTIFICADO DIXITAL

Varias persoas non foron atendidas pese a acudir con cita concertada ao Rexistro da administración autonómica en Lugo

Varias persoas non foron atendidas pese a acudir con cita concertada ao Rexistro da administración autonómica en Lugo

Santiago, 13 de decembro de 2022.- Unións Agrarias denuncia a falla de previsión e dilixencia da Xunta de Galicia; que está a obstaculizar a tramitación do certificado dixital debido a carencias de persoal. A organización agrogandeira insta á administración a actuar con responsabilidade e previsión e a non deixar desatendida a Delegación de Lugo; onde nos últimos días se negou a atención a varias persoas que acudiron con cita concertada despois de realizaren desprazamentos de máis dunha hora. UUAA non entende que o goberno galego non habilite unha vía alternativa á presencial para un trámite que únicamente é posible realizar na capital provincial. E lamenta que se siga a penalizar á veciñanza do rural obrigándolle a asumir desprazamentos quilométricos e a perder tempo e cartos para realizar xestións indispensables para o seu día a día.

Unións Agrarias faise eco do descontento de gandeiros da Montaña Lucense aos que nos últimos días se lles negou a atención no Rexistro da Xunta de Galicia en Lugo. A organización considera intolerable que a administración autonómica non atenda citas xa fixadas sen dignarse sequera a comunicarse coas persoas afectadas para cancelalas. Ademais, lembra os prexuízos que estas trabas poden supor para as pequenas explotacións da zona, que neste momento están a realizar os trámites para poder beneficiarse das axudas do Kit Dixital.

Contar co Certificado Dixital é requisito indispensable para que os gandeiros poidan acceder ás subvencións para dixitalización do Ministerio de Agricultura. Unhas achegas que se concederán por orde de presentación; e que as explotacións lucenses poderían deixar de percibir debido ás trabas e atrasos impostos pola Xunta de Galicia.

A organización agrogandeira lamenta os obstáculos que a administración autonómica está a impoñer á poboación que máis sofre as consecuencias da fenda dixital. E insta á Xunta de Galicia a actuar con responsabilidade para que a veciñanza do rural lucense e, máis concretamente, as pequenas explotacións tradicionais, non se vexan novamente penalizadas.

UUAA lembra o carácter estratéxico do sector produtor: o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. Nese senso, Unións Agrarias insta á administración a actuar coa sensibilidade e a responsabilidade precisas para garantir a rendabilidade das pequenas explotacións, prestarlles o apoio que precisan no complicado contexto actual e garantir o seu acceso en igualdade de condicións ás liñas públicas de axuda.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias