Unións Agrarias insta á Xunta a habilitar orzamento para que ningunha explotación ecolóxica quede este ano sen axudas

Arredor de 200 explotacións poderían verse excluídas debido á falla de previsión da Consellería e o insuficiente orzamento habilitado

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a habilitar orzamento suficiente para que ningunha explotación galega quede este ano sen percibir as axudas que lle corresponden. A organización agrogandeira denuncia a falla de previsión da Consellería do Medio Rural, que suporá que arredor de 200 explotacións en ecolóxico non poidan percibir este ano as achegas da PAC que lles corresponden; arredor do 50% das mesmas na provincia de Lugo.

Unións Agrarias insta á Xunta a solucionar con dotación orzamentaria propia a preocupante situación que atravesan as explotacións en ecolóxico galegas, que neste exercicio non poderán percibir as axudas que lles corresponden debido ao insuficiente orzamento habilitado pola Consellería para esta fin. A organización agrogandeira destaca a preocupante situación que estas atravesan e destaca a importancia capital dunhas achegas indispensables para a supervivencia de moitas explotacións; que teñen realizado un importante esforzo para adaptarse aos requerimentos da produción en ecolóxico.

Unións Agrarias cifra en 5,6 millóns de euros o orzamento preciso para facer fronte ás necesidades actuais; unha cifra moi afastada dos 3,8 millóns que a Xunta de Galicia ten sobre a mesa para este 2022. Así as cousas, a organización reunirase nos vindeiros días cos grupos parlamentarios galegos para abordar a situación das explotacións excluídas e solicitar á Xunta a dotación orzamentaria necesaria para abordar as necesidades deste exercicio. Ademais, propón a reforma do PDR para que no próximo período 2023-2027 o problema non volva repetirse e todas as explotacións que o soliciten poidan acollerse a esta liña de axudas.

As 7.400 hectáreas en ecolóxico que había en Galicia en 2021 pasaron a 12.400 no último exercicio. Un incremento substancial que se debeu en gran parte á campaña promocional impulsada pola propia Xunta de Galicia e que, porén, non foi acompañado da dotación orzamentaria precisa.

Unións Agrarias lembra que o propio Pacto Verde Europeo pretende que no 2030 o 25% da superficie agraria útil se cultive en ecolóxico. Unha porcentaxe que Galicia, cun 2,7%, aínda está moi lonxe de acadar; polo que é previsible que as explotacións adscritas a este modelo produtivo e, polo tanto, susceptibles de acollerse a esta liña de axudas, medre nos vindeiros exercicios.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias