Santiago, 30 de decembro de 2022.- Unións Agrarias condena a falla de sensibilidade do Goberno central cara ao sector produtor. Xusto despois de ter deixado ao cárnico fóra da rebaixa do IVE para alimentos de primeira necesidade o executivo central lanza unha nova pedra contra a gandería: un amplísimo paquete de novidades normativas que mudarán por completo o xeito de traballar das explotacións e obrigarán ás granxas a aumentar a súa conta de gastos.
Cada vez máis e máis custosas esixencias e absolutamente ningún apoio orzamentario para adaptarse a elas. Ese é o resumo do amplísimo paquete normativo que o Goberno central ven de publicar nas últimas horas, e que obrigará ao sector produtor a realizar un enorme desembolso económico nos vindeiros meses. Unhas novidades normativas que chegan no peor momento, coas granxas loitando por manterse a flote ante a baixada do consumo, os baixos prezos e o encarecemento dos custos de produción que ven dándose ao longo do último ano. E que levarán ao límite a capacidade de resistencia e adaptación das explotacións.
As explotacións agrogandeiras de Galicia deberán afrontar unha intensa reconversión durante o 2023 en ámbitos como o rexistro e os equipamentos para a fertilización de solos. Así segundo o Real Decreto 1051/2022, os produtores deben crear unha sección de fertilizantes no caderno dixital de explotación e aportar mensualmente información sobre o plan de abonado o que supón mais carga administrativa sobre as granxas xa que o mesmo debe de ser revisado por un técnico autorizado.
Máis problemas supón a supresión total ao longo de 2023 das cisternas de prato, canón ou de abano cuxa substitución xera un custe por explotación de preto 20.000 Euros o que resulta imposible de asumir técnica nin financeiramente polas arredor de 15.000 explotacións que non dispoñen de equipos de fertilización con localizadores como os que agora se esixen.
Desde Unións Agrarias laméntase que nos paquetes publicados non haxa unha soa medida que vaia na liña de mellorar as rendas dos produtores, tendo en conta a situación que se está a atravesar. Neste sentido a organización destaca a falla de sensibilidade co sector cárnico ao non incluílo na cesta da compra á que se lle retirou o IVE. Unha discriminación que non afecta tan só ao vacún, senón tamén ao resto de carnes, dende o polo ao porco pasando polo coello ou o pavo; e que impide facer máis accesible a alimentación rica en proteínas ás persoas con menos recursos.
Outras das normativas que se publican neste remate de ano foi o Real Decreto 1054/2022 polo que se obriga aos produtores a manter de xeito unificado e con constante mantemento o Sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras que unifica os preexistentes pero é moito mais exixente polo que implica máis traballo administrativo para os produtores.
Finalmente no Real Decreto 1050/2022, de 27 de decembro faise referencia a progresiva redución do uso de produtos fitosanitarios ata chegar a unha caída dun 50% dos mesmo para o ano 2030. Esta realidade vai na liña de encarecer aínda máis a actividade produtiva, xa que estes compostos son imprescindibles para manter un nivel de actividade cunha mínima rendibilidade e a súa substitución resulta cara e pouco eficaz no tratamento de pragas.