Santiago, 4 de xaneiro de 2023.- Unións Agrarias califica de tomadura de pelo ao sector gandeiro a situación de bloqueo dos fondos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten aprobados para a posta en marcha do Plan de xestión do lobo. A organización agraria considera intolerable que se exclúa a Galicia do reparto duns fondos aprobados para o conxunto do estado; fundamentais para a convivencia desta especie coa cabana gandeira e para garantir a rendabilidade das explotacións que, de xeito recorrente, sofren os ataques deste depredador.
Cando, entre outras, Comunidades Autónomas como Castilla y León e Asturias teñen aprobados fondos ministeriais de 8,9 e 3,6 millóns de euros respectivamente para executar ao longo de 2023 medidas preventivas e programas de pago de danos, Galicia ven de quedar excluída coa escusa de ter recorrido o Plan de xestión do lobo do Ministerio, aprobado en xullo do pasado 2022.
Unións Agrarias non acepta a explicación de que ese bloqueo se debe ao recurso da Xunta de Galicia a determinados aspectos contidos no Plan de xestión, nomeadamente asociados á prohibición da caza do lobo como elemento de control poboacional. Pois é unha situación inédita que un recurso dunha Comunidade Autónoma a un plan legalmente aprobado por decisión ministerial supoña que este non se aplique no territorio da Comunidade Autónoma recorrente e si no resto do territorio estatal. Por ese motivo, a organización insta a que tanto o MITERD como a Xunta de Galicia senten nunha mesa de negociación e non se levanten ata acordar a forma do desbloqueo dos nomeados fondos, independentemente de que o recurso se resolva antes ou despois. Pois os prexudicados son os gandeiros galegos afectados polos danos e a acción do lobo.
Arredor de 4 millóns de euros perdidos
O actual bloqueo está a deixar ao sector gandeiro galego sen uns 4 millóns de euros que serían empregados no financiamento das medidas preventivas e de pago dos danos do lobo en Galicia. Uns fondos indispensables para as explotacións galegas que sofren os ataques desta especie e que permitirían reforzar ambas liñas; así como actualizar as baixas e desfasadas contías da indemnización por res morta que ata agora a Xunta de Galicia viña concedendo para achegalas ao seu valor real de mercado e ao lucro cesante que produce a súa baixa na explotación.
Unións Agrarias lembra que estas liñas de axuda son fundamentais para garantir a convivencia do lobo coa actividade gandeira, xa que Galicia conta cunha poboación de lobos que, cuns 93 grupos reproductores, supón o 30% do total de España e supera á de toda Francia. Nas explotacións gandeiras galegas e prodúcense anualmente unhas 3.200 baixas en cabezas de gando (ovino, bovino e cabalar, fundamentalmente); das que unicamente se declaran arredor de 2.400 debido ás trabas burocráticas e á escaseza dos fondos destinados á cobertura destes danos.
Así as cousas, Unións Agrarias insta ao Ministerio e á Xunta de Galicia a que deixen de xogar ao frontón político cos intereses dos gandeiros e resolvan de inmediato todas as dúbidas legais que poida supoñer o desbloqueo destes fondos para a Comunidade Autónoma galega.
Asemade, Unións Agrarias reitera o compromiso das mulleres e homes do rural galego na conservación das poboacións de lobo para as xeracións futuras e lembra que isto non vai ser posible sen un marco que garanta a convivencia da actividade gandeira coas poboacións de lobo, sendo fundamental a solidariedade da sociedade á hora de compensar as perdas que este depredador produce no gando, e tendo que existir medidas de control para os casos de ataques reiterados a explotacións e situacións de risco e para a seguridade das persoas no rural.