UNIÓNS AGRARIAS DENUNCIA A EXCLUSIÓN DA GANDERÍA DAS AXUDAS PARA AUTÓNOMOS

Os límites de acceso impostos pola Xunta deixan fóra a quen máis as precisa: as rendas máis baixas e a práctica totalidade das explotacións cárnicas de vacún

Santiago, 5 de xaneiro de 2022.- Unións Agrarias insta á Xunta a rectificar de inmediato as condicións de acceso ás axudas do Programa Impacto Autónomo. A organización considera intolerables os límites impostos pola administración autómica; que deixan fóra da convocatoria á práctica totalidade das explotacións de vacún de carne da Comunidade e vetan aos profesionais coas rendas máis baixas, quen máis precisa deste apoio.

A inmensa maioría dos gandeiros de vacún de carne galegos non poderán acceder ás axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para minimizar as consecuencias da suba dos custos na actividade das persoas autónomas e das microempresas. É así porque, de xeito ilóxico, a Xunta de Galicia exclúe da convocatoria aos traballadores con rendementos inferiores aos 10.000€. Unha cantidade que non acadan as explotacións galegas e que representa unha decisión incomprensible, pois supón excluír as rendas máis baixas deste apoio.

Orzamento insuficiente e discriminación do rural

Alén disto, Unións Agrarias insta á Xunta a ampliar a contía orzamentaria destinada a paliar a suba de custos na actividade de autónomos e pequenas empresas. E chama a atención sobre a gran cantidade de traballadores que quedarán excluídos debido ao cativo gasto que a administración autonómica destina a unha medida que semella ter máis de afán propagandístico que de vontade real de converterse nun apoio efectivo para quen precisa dela.

A organización agrogandeira pon o foco ademais no feito de que a solicitude de axudas tan só poida tramitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Un factor que supón unha discriminación para a poboación do rural, que padece a fenda dixital; e que supón un agravio comparativo, pois impedirá o acceso en igualdade de condicións respecto á cidadanía de contornas urbanas cunha mellor cobertura dixital. Algo máis grave aínda habida conta de que as axudas se concederán por orde de solicitude e ata esgotamento de crédito.

UUAA lembra o carácter estratéxico do sector produtor de carne: o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. E insta á Xunta a actuar coa sensibilidade e a responsabilidade precisas para garantir a súa rendibilidade e prestarlles o apoio que precisan no complicado contexto actual, logo de meses padecendo unha constante suba de custos que rolda xa o 50%.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias