Unions Agrarias aspira a seguir representando os intereses de agricultores e gandeiros nos Consellos Reguladores galegos

A organización presentou candidatura para os procesos electorais de 12 dos 15 órganos de goberno que van ser renovados

7 de xaneiro de 2023.– Unións Agrarias concorre ás eleccións convocadas nos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe e das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia coa vontade de seguir representando os intereses dos pequenos produtores do rural galego. A organización ten presentado candidatura en 12 dos 15 organismos que no mes que ven renovarán os seus órganos de goberno. Unha iniciativa que dá boa mostra da forza dunha organización que aspira a consolidar e mellorar o seu liderado no campo galego e a continuar sendo a voz de agricultores e gandeiros.

Logo do atraso que a pandemia provocou no proceso electoral dos Consellos Reguladores da Comunidade, Unións Agrarias enfronta esta nova convocatoria coa ilusión e as ganas de seguir traballando polos dereitos, o futuro e a rendabilidade do sector produtor galego. Con ese obxectivo, a organización tratará de estar presente nos órganos de goberno de todos os Consellos que contan con censo de produtores, a excepción do da IXP Mel de Galicia. O único dos procesos convocados ao que Unións non ten presentado candidatura, alén do de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e do de Pan de Cea, que non contan con representación do sector produtor nos seus censos.

Así as cousas, Unións Agrarias concorre ás eleccións do 19 de febreiro nas 5 DOs de viño: Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra. En todos os casos con candidatura propia agás nesta última; a única á que a organización concorre en coalición coas demais organizacións profesionales e asociacións agrarias galegas.

Unións Agrarias tamén presentou candidatura para os procesos electorais das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia. Así como nas 3 Denominacións de queixos que teñen convocado eleccións: na DOP Arzúa-Ulloa, na DOP Queixo Tetilla e na DOP San Simón da Costa. Ao igual que na IXP Pataca de Galicia, na IXP Castaña de Galicia e no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Ao longo do último mandato, que se prorroga desde as eleccións celebradas en 2017, Unións Agrarias ten sido a voz maioritaria do sector produtor galego, ao ser a organización con máis vogalías nos órganos de goberno dos Consellos. Unha posición que Unións aspira a renovar e mesmo a mellorar para continuar defendendo os intereses das explotacións e pequenos produtores galegos e garantir o futuro da actividade agrogandeira en Galicia; un sector esencial para o mantemento dun rural vivo e con futuro.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias