UNIÓNS AGRARIAS ARRINCA O PROCESO XUDICIAL CONTRA O CÁRTEL DO LEITE COA INTERPOSICIÓN DAS PRIMEIRAS DEMANDAS

Catro gandeiros de Lugo, os primeiros en reclamar impagos que roldan o millón de euros

Unións Agrarias ven de interpoñer as primeiras demandas de gandeiros afectos polo cártel do leite. A organización, en colaboración coa empresa de servizos xurídicos Eskariam, bota a andar un procedemento xudicial no que a día de hoxe se teñen embarcado arredor de 7.000 gandeiras e gandeiros. Unha cifra que podería incrementarse aínda nos vindeiros meses, e que a organización agarda que aumente unha vez a Audiencia Nacional resolva os recursos interpostos polas industrias sancionadas e confirme así a existencia do cártel e as prácticas ilícitas impulsadas para pactar á baixa o prezo do leite.

Ata xullo de 2024 os gandeiros que entre 2000 e 2013 venderan leite aínda están a tempo de sumarse á reclamación contra as 10 empresas sancionadas pola Comisión Nacional do Mercado e da Competencia por pactar á baixa os prezos do leite. Unha posibilidade que podería elevar o número de reclamacións, pois neses anos as ganderías con venda de leite situábanse no entorno das 49.000.

Unións Agrarias fai un chamamento para que os gandeiros que aínda non teñan iniciado a súa reclamación ao cártel do leite dean un paso á fronte e reivindiquen o que, por dereito, lles pertence; habida conta da posibilidade que aínda se mantén aberta, logo da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que ampliou o prazo de prescrición nestas causas por prácticas ilícitas.

A organización confía en que a Audiencia Nacional resolva en breve os recursos interpostos polas industrias afectadas. Un procedemento visto para sentenza que demora xa máis de dous anos e que, unha vez resolto, suporá un importante espaldarazo ás reivindicacións do sector produtor.

Coa interposición das primeiras demandas Unións Agrarias e Eskariam queren axilizar, e tamén impulsar, a reclamación das gandeiras e gandeiros afectados polos abusos das industrias lácteas.

A reclamación dos 7.000 produtores que ata o día de hoxe se teñen sumado a esta causa da man de Unións Agrarias e Eskariam supera os 800 millóns de euros, de acordo cos cálculos e a exhaustiva pericial realizada para calcular o importe do dano causado polos pactos ilícitos das industrias.

Unións Agrarias quere lanzar unha mensaxe á industria láctea, que segundo todos os indicios pretende aproveitar a renovación dos contratos de abastecemento que debe realizarse no vindeiro mes para impoñer unha nova rebaixa no prezo do leite que paga ás explotacións galegas. Así o destacou o secretario xeral da organización, que afeou a mensaxe lanzada onte mesmo polo presidente da Xunta de Galicia destacando os elevados ingresos que neste momento están a percibir os produtores galegos. Roberto García criticou a falta de sensibilidade, e tamén de rigor, de Alfonso Rueda, que falaba sen ter en conta a forte suba dos custos de produción que afecta ao sector e que, con estas palabras, semella porse do lado da industria no seu afán por volver baixar tarifas.

“Estamos nun momento no que producimos menos leite do que precisa o mercado, e as industrias están atrasando o anuncio de rebaixa de prezos para evitar perder clientes. Pero se se repite esa baixada de prezos orquestada e concertada que non dubiden que non nos temblará o pulso para volver denuncialas”, aseverou o secretario xeral de Unións; que tamén fixo un chamamento para que o Tribunal de Defensa da Competencia se manteña alerta e actúe de oficio en caso de que esa posibilidade se materialice.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias