UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA O APOIO DAS ADMINISTRACIÓNS ANTE A GRAVE CRISE QUE ATRAVESA A APICULTURA

Insta á AICA a actuar ante a venda a perdas e chama a participar na mobilización do día 9 en Madrid

Unións Agrarias denuncia a grave situación que atravesa o sector apícola, tanto en Galicia como no conxunto do estado, e fai un chamamento a secundar a concentración convocada en Madrid o vindeiro xoves 9 de marzo ás 12h. A organización destaca a forte crise que afecta á apicultura e insta ás administracións a actuar de inmediato para garantir a viabilidade e o futuro dunha actividade esencial dende o punto de vista medioambiental.

Se as administracións non toman cartas no asunto o futuro das 4.500 explotacións apícolas existentes en Galicia, das cales unhas 300 viven exclusivamente da produción de mel, está en risco. Así o destaca Unións Agrarias, que insta ao Ministerio de Agricultura a actuar e a inspeccionar a través da AICA as irregularidades que se están a producir na comercialización deste produto. A organización lembra que a Lei de Cadea Alimentaria di con claridade que ningunha produción pode venderse por debaixo do que custa producila; algo que hoxe en día está a acontecer co mel. “Se non conseguimos reverter esta situación moitas explotacións van quedar no camino, pois os 3,5 euros que os produtores están a percibir por quilo de mel neste momemento están lonxe de cubrir custos”.

O cambio climático, problemas sanitarios como a varroa, os danos producidos por depredadores como a velutina ou o vejarruco ou os efectos dos incendios forestais, que en moitas zonas están a deixar os apiarios sen espazos nos que instalarse, están detrás dunha caída da produción que se eleva ata o 50%. E que, xunto ao fortísimo incremento que os custos de produción teñen experimentado dende o comezo da invasión de Ucraína, ten ao sector contra as cordas.

A entrada masiva de mel de países extradomunitarios como China, Turquía ou Arxentina a baixos prezos é outro dos problemas que está a lastrar a comercialización do mel local. Así as cousas, Unións Agrarias fai un chamamento para que tanto a administración estatal como a autonómica se involucren e poñan en marcha medidas que axuden ao sector a facer fronte a todas estas ameazas.

A organización ve necesaria unha inxección económica que evite peches no sector e reclama que se activen os mecanismos para compensar a suba dos combustibles a estes profesionais, que teñen quedado á marxe desta axuda. Ademais, reclama a posta en marcha do Plan de Acción Contra a Varroa, así como un maior control nas importacións de mel e unha modificación na etiquetaxe que especifique claramente as porcentaxes e a procedencia.

“Facemos un chamamento á movilización, pero tamén á concienciación: por parte das adminisracións e do conxunto da sociedade, que debe ser consciente da grave situación que atravesa este sector, esencial polo seu papel polinizador”. Así o destacaron o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias, Félix Porto, e o responsable sectorial de Apicultura da organización, Roi Rigueira, nunha rolda de prensa na que tamén incidiron na necesidade de formar e informar para que os consumidores diferencien e valoren o mel de produtores locais e tomen parte polo mantemento dos postos de traballo que a apicultura crea no noso país.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias