UUAA PIDE AXUDAS DIRECTAS PARA SALVAR A PRODUCIÓN DE MEL GALEGA

Gran afluencia de apicultores galegos na concentración no Ministerio de Agricultura

Santiago, 10 de marzo de 2023.- Unións Agrarias reclama da Xunta de Galicia axudas directas para tratar de salvar a produción de mel galega ante a grave crise que están a sufrir estas explotacións. A fortísima suba nos custos de produción experimentado dende o comezo da invasión de Ucraína xunto aos problemas sanitarios como a varroa, os danos producidos por depredadores como a velutina ou o avellaruco ou os efectos dos incendios forestais, que en moitas zonas están a deixar os apiarios sen espazos nos que instalarse, están detrás dunha caída da produción que se eleva ata o 50%, ten ao sector contra as cordas e con el unha actividade esencial dende o punto de vista medioambiental.

Tal como se puxo de manifesto na mobilización de onte en Madrid, se as administracións non toman cartas no asunto o futuro das 4.500 explotacións apícolas existentes en Galicia, das cales unhas 300 viven exclusivamente da produción de mel, está en risco. Por iso resulta imprescindible destacar o papel ambiental e polinizador da apicultura na implementación da PAC mediante a inclusión de máis medidas e liñas nas que a apicultura estea presente, tanto nos ecorrexímenes como no desenvolvemento rural.

Unións Agrarias, insta ademais ao Ministerio de Agricultura a actuar e a inspeccionar a través da AICA as irregularidades que se están a producir na comercialización deste produto. A organización lembra que a Lei de Cadea Alimentaria di con claridade que ningunha produción pode venderse por debaixo do que custa producila; algo que hoxe en día está a acontecer co mel, pois os 3,5 euros que os produtores están a percibir por quilo de mel neste momento están lonxe de cubrir custos. Neste sentido, a organización ve necesaria unha inxección económica que evite peches no sector e reclama que se activen os mecanismos para compensar a suba dos combustibles a estes profesionais, que teñen quedado á marxe desta axuda.

A entrada masiva de mel de países extracomunitarios como China, Turquía ou Arxentina a baixos prezos é outro dos problemas que está a lastrar a comercialización do mel local. Así as cousas, Unións Agrarias fai un chamamento para que tanto a administración estatal como a autonómica se involucren e poñan en marcha medidas que axuden ao sector a facer fronte a todas estas ameazas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias