UUAA REXEITA A PLANTA SOLAR DA GUDIÑA POLA SÚA ALTA AFECTACIÓN PARA A POBOACIÓN RURAL E A ACTIVIDADE AGROGANDEIRA

100 alegacións de veciñanza, gandeiros, apicultores e comunidades de montes avalan a oposición frontal ao proxecto

Santiago, 17 de marzo de 2023.- Unións Agrarias únese ao cento de veciños, produtores e colectivos que teñen presentado alegacións á planta solar proxectada no Concello da Gudiña. Un proxecto cun altísimo impacto ambiental, patrimonial e socioeconómico que tamén terá implicacións para os municipios veciños de Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Unións Agrarias insta a paralizar o parque solar proxectado na Gudiña polo alto custo e as importantes afectacións que a súa construción; así como a infraestrutura de evacuación asociada; suporían para a poboación da contorna. A instalación tería importantes repercusións non só para a fauna salvaxe e o medio ambiente, tal e como teñen denunciado xa colectivos ambientalistas; senón tamén para o patrimonio, a calidade de vida da poboación local e o desenvolvemento da actividade agrogandeira e forestal.

Tal e como destaca Unións Agrarias, a execución deste proxecto “implicaría unha actuación severa sobre o medio e, por tanto, xeraría un grave impacto ambiental con repercusión sobre importantes valores ambientais e paisaxísticos. Ademais, tería afectacións directas sobre a poboación da zona e, moi especialmente, sobre o modo de vida vinculado ás explotacións agrogandeiras existentes, imprescindibles para un desenvolvemento socioeconómico sostible”.

A organización pon o foco nas implicacións que a instalación deste parque suporía tanto para a apicultura como para a gandería extensiva e en ecolóxico e o cultivo de castaña en soutos centenarios. Actividades moi importantes para o tecido socioeconómico local que non poden verse hipotecadas por un parque ao que a veciñanza de opón de xeito frontal.

Unións Agrarias destaca ademais os obstáculos que esta instalación suporía para unha eficaz loita contra os incendios forestais nunha zona especialmente castigada polos mesmos. E é que o proxecto afectaría a puntos de toma de auga dos que habitualmente se nutren os equipos de extinción. Así como a elementos patrimoniais a preservar, como diversos xacementos arqueolóxicos catalogados, igrexas ou capelas.  Igualmente, a organización agrogandeira lembra que na área de afectación da planta habitan especies protexidas como o lobo e  a aguia real; así como ata 5 endemismos de anfibios e reptis de gran valor ecolóxico, científico e histórico cuxa supervivencia sería posta en risco debido á deforestación ligada á execución deste proxecto: Rana iberica, Hyla molleri, Podarcis bocagei e Podarcis lusitanicus.

Unións Agrarias lembra que hai menos dun ano o rexedor da Gudiña reuníase coa conselleira de Medio Ambiente para tratar de impulsar a creación dunha Reserva da Biosfera na zona. Un proxecto que choca frontalmente coa instalación solar que agora defende o alcalde.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias